Imprimir

“Non teñen vergoña”: Chicote arroiba a Xunta pola comida nos colexios de educación especial

Redacción | 15 de maio de 2019

Ovidio Rodeiro e Chicote nun momento da entrevista.
Ovidio Rodeiro e Chicote nun momento da entrevista.

O cociñeiro e presentador televisivo inicia a segunda tempada de ‘Te lo vas a comer’ cunha reportaxe a partir das denuncias de pais e nais sobre a comida nos centros de alumnado de educación especial. Pediu explicacións ao delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, ao que deixou en evidencia.

 

“Pon os pelos de punta”, “están xogando coa vida dos nenos”, “non teñen vergoña”. Estas son algunhas das frases que intercambiaban o presentador de El Hormiguero Pablo Motos e cociñeiro e tamén presentador Alberto Chicote sobre o programa deste último que aborda a comida que se serve nos colexios con alumnado de educación especial. Un programa que abre a segunda tempada de Te lo vas a comer e que se realizou após recibir, explicou Chicote, numerosas denuncias de familias sobre esa comida.

 

En El Hormiguero emitiuse un fragmento do programa, que se vai estrear nestes días, e para o que o cociñeiro viaxou até Galiza. Nel, Chicote fala cun grupo de familiares destes nenos e nenas. Unha nai explica que o seu fillo “ten estreitamento de tráquea”, polo que afoga “cun simple grumo nas papas”. A seguir ensina o menú do colexio onde vai o seu fillo: Paella de peixe, tortilla... “Pero como se tritura iso?” pregunta Chicote.

 

Outros familiares relatan a este cociñeiro que eles propios levan a comida para as súas fillas ou netas: “Trátase de que non sufran, que non o pasen mal e con esa comida [a do comedor] sería imposíbel”.

 

Chicote explica a Pablo Motos que pide unha entrevista coa Xunta para tratar esta situación. “Tardan catro semanas en concederma e cando ma conceden, o máximo responsábel dos colexios de educación especial preséntame unha documentación que non leu anteriormente”. O cociñeiro mostra a súa sorpresa e indignación polo feito de que o entrevistado “non se dignase a preparar nin a entrevista”.

 

No vídeo vese como o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, intenta defenderse. “Pero como se tritura unha empanada?”, pregúntalle Chicote. O delegado afirma que os menús son acaídos e que “se adaptan ás épocas do ano”. “Non é así, é o mesmo menú sempre”, retrúcalle o cociñeiro, que pasa ler os menús para demostrar a súa afirmación. “Bueno”, conclúe resignado o delegado.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/non-tenen-vergona-chicote-saca-cores-xunta-pola-comida-nos-colexios-educacion-especial/20190515132907079643.html


© 2019 Sermos Galiza