Imprimir

"A Nosa Terra foi o gran proxecto para Galiza enteira"

M. Obelleiro | 14 de novembro de 2017

[Imaxe: Natalia Porca] Margarita Ledo
[Imaxe: Natalia Porca] Margarita Ledo

Ao seu regreso do exilio en Portugal, a xornalista Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) ideou e dirixiu o semanario A Nosa Terra entre 1977 e 1980. Con motivo do 101 aniversario da saída de A Nosa Terra, resgatamos a entrevista publicada no semanario Sermos Galiza 222. NO INTERIOR, FACÍSÍMILE DO PRIMEIRO NÚMERO DO SEMANARIO.

Autora de investigacións sobre a prensa galega, Margarita Ledo foi profesora da Universitat Autónoma de Barcelona e, na actualidade, é catedrática de Comunicación Audiovisual na USC.

 

Como nace a idea de contaren as Irmandades da Fala cun voceiro oficial?

As propias Irmandades son unha agrupación de persoas que queren intervir no espazo público e son conscientes de varios aspectos. Un, que para existir teñen que darse a coñecer e o modo de darse a coñecer na modernidade -estamos nos inicios da sociedade de comunicación de masas, así chamada- é a través da prensa, e polo tanto, teñen que contar coa propia prensa para dar de si a imaxe que queren. Entre outras cousas, parte dos fundadores eran xornalistas de profesión e moitos deles estaban ou estiveran vencellados aos medios. O intelectual do s. XX sabe que ten que intervir a través dos medios de comunicación para alén doutros espazos, como pode ser a creación literaria, etc. Entón non é, en absoluto, estraño. Eles organizan un periódico declarando xa a súa liña, declarando o público modelo, que é o galego, o de toda a diáspora e o de Portugal, o espazo da lusofonía. É un medio de comunicación que lles serve para dar información, para ir trasladando o seu ideario e para ir facendo un xornalismo moderno.

 

Cales son as columnas sobre as que se ergue o xornal?

Unha é a nación e a nación hai que construíla; a nación significa nación política, está representada pola fala, a fala ten que estar en todos os eidos porque a nación son todos os eidos. As mulleres na esfera pública, fundamental; aparece xa no primeiro manifesto a igualdade entre home e muller e as mulleres actuando. E a terceira, todo isto precisa recursos, polo tanto, imos ver o país, imos ver como se organiza; coñecer o país a fondo para transformalo, pero coñecelo a fondo desde a propia visión, desde o propio método de achegamento a ese coñecemento. Iso é importantísimo. Experiméntano e aplícano e queren trasladalo á propia sociedade. E dentro destes recursos están os medios. Hai toda unha harmonía de proxecto. Simplemente, é o primeiro gran proxecto para Galiza enteira no sentido non tanto xeográfico, que tamén, como do que son os dereitos dun país.

 

A Nosa Terra saíu como unha especie de memorándum das urxencias que esgrimía Galiza. Que procuraba?

En toda prensa galeguizadora (no sentido de comezar a pensar na Galiza como algo que ten que voltar cara a si propia o ollar) está ese memorando de agravio, sempre. Desde El Porvenir, desde que aparece o lema “Todo para Galiza” ou “Todo por Galiza” e sempre, sempre aparecen as cousas que son urxentes. Un dos grandes combates é o combate aos estereotipos arredor da imaxe do galego por aí fóra, reclamando o vínculo entre o que opinas e o que defendes a nivel de acción. Tamén hai que ver a diferenza do tratamento de determinados acontecementos, cando algo tronza a normalidade, eles sempre son moi claros tomando posición e a partir de aí avanzan cara á organización.

 

De onde procedían os recursos económicos de A Nosa Terra?

Naquel momento, era fundamentalmente o grupo de mestres e ensinantes o grande núcleo subscritor que mantiña a cabeceira. E despois enténdese que habería achegas puntais e un traballo absolutamente colaborativo, o traballo non pago, agás no caso das persoas que se tiñan que ocupar da administración ou no de Víctor Casas, seguramente, cando ten que deixar o seu traballo como viaxante e dedicarse a A Nosa Terra. A grande arma que localizan inmediatamente é a educación, a educación e a educación, e sempre a través do galego. A súa bandeira, a bandeira ergueita de Vilar Ponte, é que ten que ser o galego no ámbito persoal, no ámbito público, no profesional e no ámbito máis individual; hai que acabar coa vella división.

 

O papel cohesionador que lle outorga a prensa ao nacionalismo foi interpretado por vostede como un bloque social de consenso.

Cando lanzan un chamamento para que a xente merque o xornal, case sempre fan referencia a “están nas nosas páxinas os mellores avogados, escritores…”. Anúnciase a xente do comercio e da empresa. Dalgunha maneira eles están aí dando o sinal de que non é so a Galiza campesiña, para entendérmonos (aínda que informativamente se dirixan moito a ela). Hai todo un conxunto de profesionais e sectores económicos que son os que conforman ese tecido e ese bloque social de consenso ao que se dirixen. Eles sepáranse do caciquismo e da oligarquía e sepáranse tamén do españolismo. Hai sectores que tamén por convición son ideoloxicamente españolistas, saben que de aí non van conseguir ren, pero todo o resto incorpórano e van dirixíndose de diferentes modos a eles. Hai toda unha posta en valor de todos os ámbitos que conforman a nación.

 

Desde unha clave sociolóxica, a quen se dirixía?

Ao campesiñado, a todas as profesións, incluídas as liberais, a ligada máis á avogacía, a todos os sectores intermedios, ao que eran os ensinantes e aos curas, reclamando que a igrexa se galeguizase. De aí o “adquíreno os curas, avogados, mestres, médicos…”. Hai toda esa capa, que sería o sector popular (que sempre nos referimos aos labregos e mariñeiros); había referencias a sectores do traballo industrial e unha gran referencia sempre a quen consideraban os mediadores, eles propios. O sector máis formado ten a obriga de devolverlle á sociedade o seu coñecemento e intervir para que esa sociedade avance. Eles considerábanse ese mediador, un intelectual activo que tiña a idea de retornarlle a sociedade o que lle quitara, o dereito a recoñecerse, a organizarse, a darse instrumentos para unha existencia que estiver á altura do tempo.

 

Que papel desenvolveu a muller en A Nosa Terra?

Había desde columnistas ou colaboradoras máis ou menos habituais a intervencións puntuais, case como calquera outro colaborador. En número, eran inferiores aos homes, pero o contrario sería unha anomalía. Obviamente, a Galiza da época e as propias Irmandades non eran alleas ao problema do poder, un problema que ten a ver co patriarcado e que ostentaba a representación masculina, pero se volvemos contextualizalo no seu tempo, e mesmo desde as coordinadas actuais, a presenza é unha presenza, digamos, propia e singular. Non van “atrás de”, aínda que puidesen estar vinculadas persoalmente, como a muller de Vilar Ponte, etc, pero aparecen cun papel propio, e un síntoma de grande sentido moderno.

 

A cabeceira é propiedade, a día de hoxe, de Jacinto Rey, do Grupo San José. Que futuro pode esperarlle?

Non o sei… Eu creo que esa cabeceira non ten que estar en mans dunha persoa. Por determinados avatares pode, en determinado momento, estar en mans dunha persoa que estivo vencellada á publicación, pero é unha cabeceira patrimonial; polo tanto, é unha cabeceira que pertence á súa propia historia e non a alguén particular. Esa propiedade tería que volver ser patrimonial. Se un grupo de persoas quixese sacar A Nosa Terra outra vez, que pasaría? Ese é o problema, o resto non pasa nada. Que pasa se mañá eu con dez persoas máis (como foi no 77) quero volver editar A Nosa Terra? Pódemo impedir Jacinto Rey? Eu faríao igual. A cuestión non é quen ten a propiedade neste momento, porque tal e como explicades na noticia [información publicada en www.sermosgaliza.gal o 14 de novembro de 2016], hai unha serie de avatares que fan que a teña unha persoa en particular. A cuestión é como garantir que se esa cabeceira quere volver editarse ninguén o poida impedir, con condicións como poden ser que non se traizoe o ideario de A Nosa Terra fundacional, da que celebra o centenario.

 

AGASALLO ÁS LECTORAS E LECTORES DE SERMOS GALIZA

Xusto 101 anos após a súa saída, ofrecemos ás nosas lectoras e aos nosos lectores un galano, o primeiro número do voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932), A Nosa Terra. Con motivo do 100 aniversario, esta xoia xornalística foi reproducida por primeira vez integramente, isto é, coas súas oito páxinas, xunto o Sermos Galiza 222 en papel. Tamén se respectou entón o tamaño da mancha do orixinal, e refíxose só unha parte das páxinas unha e dúas, xa que o deterioro do orixinal impedía a súa lectura. Agradecemos ao Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” as facilidades para a reprodución do orixinal alí depositado.

 

O facsímile pode lerse de balde nesta ligazón, previo rexistro.

 

[A entrevista publicouse no número 222 de Sermos Galiza, o 19 de novembro de 2016, con motivo do cen aniversario da publicación de A Nosa Terra]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/nosa-terra-foi-gran-proxecto-galiza-enteira/20171114130806063320.html


© 2019 Sermos Galiza