Imprimir

“É o noso Gernika e, como tal, tiña que ficar aquí”

X.L. | 06 de outubro de 2018

Xoán Carlos Garrido
Xoán Carlos Garrido

 'A derradeira leición do mestre', en Galiza.

Que aspecto destacaría da chegada do cadro?

O máis destacado é precisamente o feito de que sexa unha cesión temporal, pois considero que este cadro tiña que estar aquí definitivamente. A derradeira lección do mestre é o noso Gernika e, como tal, o normal sería que estivese aquí para sempre. Estamos a falar dunha obra central da nosa cultura e da nosa historia que está agochada nunha oficina en vez de estar exposta como é debido. A lectura que se pode facer dela depende dos ollos de quen a mire e non da intención do autor, que neste caso foi a de querer amosar un punto de vista claramente comprometido coa nosa memoria histórica. E a interpretación que se lle dá desde a esquerda española está trabucada, intencionadamente. Non é, desde logo, unha reivindicación do papel dos mestres, pois, de feito, Bóveda non o era. Que Bóveda fose o protagonista deste cadro di moito de que a intención de Castelao sobardaba o que queren facernos crer. 

 

Cal é esa visión?

Esa lectura, a que presenta o progreso fronte a ignorancia, a que presenta a Guerra Civil como un conflito entre mestres e curas, non é ao meu ver o obxectivo co que Castelao fixo esta obra, que é unha lección de vida coa que rectificar o noso pasado. Temos que ter claro que a situación actual é filla do que se viviu naquela altura. A dialéctica que propoñen moitos críticos de arte non é tal neste caso, pois moitos dos asasinos e verdugos eran mestres e moitas das vítimas e represaliadas eran persoas analfabetas. Esa non é a cuestión. O fundamental é a afirmación de que nos nenos que miran aos de abaixo e ao pasado que se pretende mudar é onde reside o futuro dunha terra que, aínda que podadas as súas ramas, se liberará a si mesma se se agarra ás súas fondas raíces para volver florecer novamente.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/noso-gernika-tal-tina-ficar-aqui/20181003184402072588.html


© 2019 Sermos Galiza