Imprimir

Notas ao vivo: Mentiras políticas (57)

Miguel Anxo Fernán Vello | Escritor e poeta

Sermos Galiza | 25 de xuño de 2019

Asistimos ao esplendor da utilización das mentiras na política, até converterse estas nunha verdadeira praga. A inmensa maioría dos políticos no poder utilizan a mentira o mesmo que respiran e unha boa maioría dos que ambicionan o poder teñen na mentira unha arma doada. Hannah Arendt preguntábase por que sempre se viu nas mentiras unha ferramenta necesaria e “xustificábel” para a actividade dos políticos e dos demagogos. Ben coñecía a filósofa, sen dúbida, a advertencia kantiana do perigo que encerra non tomar en serio a utilización da mentira fronte á verdade, pois tal acción afecta directamente ao campo do ético. Mais a ética política na actualidade, como é doado comprobar, brilla, con poucas excepcións, pola súa ausencia.

Vivimos nun momento histórico que eu non dubidaría en cualificar de “esencial”, e, como nos deixou dito Walter Benjamin, os momentos históricos esenciais son tamén “momentos de perigo”. De aí o florecemento da mentira política, unhas veces utilizada de xeito directo e outras exhibida de xeito impúdico ou teatralizado. Mais sempre mentira actuante, no fin de contas.

Alguén ten falado da existencia dunha “comuñón democrática da mentira”, e por iso para algúns a verdade debe ser unha propiedade privada mentres a mentira pode ser utilizada, cando conveña, para ser dirixida ás masas, case sempre crédulas, pois xa viña a dicir o dúas veces primeiro ministro e tres veces ministro de Facenda do Reino Unido, Benjamin Disraeli —que tamén era conde de Beaconsfield—, que o político (vexan aí, por exemplo, a Albert Rivera) sabe perfectamente cando dicir a verdade e cando utilizar a mentira para contentar a uns e a outros. No caso do político español, ben é certo, o seu uso da mentira, tan activo, resulta a todas luces melodramático cando non traxicómico.

Por desgraza, estamos rodeados no mundo da política de persoas sibilinas e ladinas. Tahúres e “troleras”. Ou, como di unha psiquiatra e psicanalista amiga (prefiro non dar aquí o seu nome), na política dos “postos” e do “mando” predominan as personalidades psicópatas e tóxicas. Organizadores sistemáticos da mentira, mestres e mestras na manipulación, narcisistas obsesionados polo control sobre os demais, acosadores ou practicantes avantaxados do “bullying” político.

Resulta unha verdadeira mágoa que as mentiras políticas e todos os seus derivados, nas súas diferentes formas e modos, se impoñan. Coido que foi Castelao quen dixo que existían corazóns políticos cheos de esterco fronte a corazóns políticos cheos de luz. A cidadanía debera rebelarse contra tanta mentira, tanta falsidade e tanta mendacidade. Algún día verémolo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/miguel-anxo-fernan-vello/notas-ao-vivo-mentiras-politicas-57/20190625102004081191.html


© 2019 Sermos Galiza