Imprimir

Notas ao vivo: Yolanda Castaño (42)

Miguel Anxo Fernán Vello | Escritor e poeta

Sermos Galiza | 05 de marzo de 2019

Coñecín a Yolanda Castaño cando a poeta tiña 15 anos ben cumpridos, e foi na cidade da Coruña nunha cafetaría con vistas á praia de Riazor. A poeta adolescente fixara cita comigo para me amosar os seus poemas, e non máis chegar e pór os seus folios escritos sobre a mesa, lendo eu os primeiros versos que alí figuraban, produciuse a sorpresa inmediata. Os versos e poemas que eu estaba a ler emitían o brillo inminente da poesía. Así coñecín eu a Yolanda Castaño, proxectando ela e os seus poemas unha certa luminescencia, algo que formaba parte xa daquela personalidade percibida por min, xenuína e lexítima, direino así, que era trazo inherente e privativo do carácter da adolescente artista. Poucos meses despois daquel encontro, Yolanda gañaría o premio de poesía Fermín Bouza Brey cun libro titulado “Elevar as pálpebras”, publicado no ano 1995, contando a poeta apenas 17 anos.

 

Despois desta primeira obra viñeron outros libros case inmediatos, “Delicia” (1998) e “Vivimos no ciclo das Erofanías” (1998), e a poeta foi tecendo un dominio lírico, un “ciclo” ou triloxía, que era presidido, parafraseando a María Zambrano, por unha sorte de “carnalidade poética”, unha tensión manifestada, lembrándomos a Octavio Paz, entre unha poética corporal e unha erótica verbal. Eu mesmo teño escrito, xa hai ben anos, que en Yolanda Castaño había —e agora véxoo asociado aos seus tres primeiros libros— unha tensión rimbaudiana, a lucidez dun amor en figuras de posesión e ausencia, contacto surrealista de imaxe e símbolo que nos sorprendía na textura do poema. Porque a poeta, reafirmaba eu, sabía ollar cara o pozo branco e iluminado que levamos dentro.

 

Mais viñeron outros tempos para a poeta, sempre en progresión, e outros libros —o último “O puño e a letra” (2018)—, outras exploracións no pozo branco da poesía e das súas linguaxes: a identidade e a súa construción existencial, un ar metafísico de novidades lingüísticas e un “à bout de souffle” experimental entre a tradición (mesmo a clásica) e un ollar múltiple e heteroxéneo, vangardista, á realidade vivida no tempo presente, no gume xerador do respirar e dun suxeito marcadamente propio.

 

A min, debo confesalo, Yolanda Castaño sempre me sorprendeu dende o primeiro día, como se ela fose portadora dunha particular enerxía (persoal e poética) disposta para estrañar, para alterar e trastornar, para fascinar. Licenciada en Filoloxía Hispánica, axiña se converteu en poeta “viva”, reveladora, altamente significativa. Foi Secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega, editora, presentadora de TV e creadora de novos formatos televisivos, cantante dos seus propios poemas en “Edénica” (2000), autora de videopoemas, tradutora, crítica literaria e activista cultural e literaria en todas as dimensións posíbeis: creadora de festivais de poesía, encontros entre poetas, obradoiros de tradución, antóloga e gran comunicadora internacional de poesía.

 

Yolanda Castaño posúe, en suma, o ADN da creatividade, da resistencia creativa, e é, contra vento e maré, unha muller profundamente “libre”, soberana, admirabelmente resolta e decidida. Porque só así se pode entender a súa última, que non derradeira, aposta cultural: a Residencia Literaria 1863, emprazada no nº 46 da rúa coruñesa Rego de Auga. Cando a poeta cumpre 25 anos dedicados profesionalmente á creación, divulgación e xestión cultural no eido da poesía, dá un paso “empresarial” que nunca ninguén máis deu. Como ela mesma di: “Un proxecto pioneiro e sen parangón na nosa contorna, que promove a divulgación, a profesionalización e a internacionalización da literatura galega”.

 

E a nosa poeta, culta e intelixente onde as houber, inaugura a Residencia Literaria 1863, toda unha homenaxe a Rosalía de Castro, coa presenza (e residencia) do poeta chileno Raúl Zurita, unha das máis grandes voces poéticas do mundo actual, flamante Premio Iberoamericano de Poesía Pablo Neruda 2016 pola dimensión estética e política da súa obra, unha poesía a través da cal se expresan as distintas voces da historia latinoamericana recente e unha vivencia telúrica e alucinada da xeografía americana, mediante unha escrita innovadora, que retoma e reelabora os puntos claves da tradición cultural occidental.

 

Beizóns todas a Yolanda Castaño pola súa obra, pola súa coherencia e compromiso, pola súa coraxe e valentía, por ser unha muller libre e ousada. A cidade da Coruña e toda a Galiza cultural fican en débeda coa Poeta.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/miguel-anxo-fernan-vello/notas-ao-vivo-yolanda-castano-42/20190305095704076719.html


© 2019 Sermos Galiza