Imprimir

Unha nova greve ferroviaria por falta de persoal suficiente

Redacción | 14 de agosto de 2019

En 2018 máis de 5.200 trens de media distancia da Galiza fixeron os seus traxectos sen persoal de intervención a bordo, sen ninguén por tanto que puidese atender as persoas viaxeiras. Esta é unha das razóns que levaron a CGT, sindicato maioritario no sector, a convocar unha greve en RENFE e ADIF esta cuarta feira 14 de agosto. 

Unha greve sempre leva aparelladas "molestias" ás usuarias e aos usuarios dos servizos públicos. Así o recoñece o comité de folga desta nova acción de protesto. Mais os responsábeis desas perturbacións non son as traballadoras e os traballadores de RENFE e ADIF, mais si "os abundantes directivos" da compañía. Son eles, aos ollos do colectivo convocante, os culpábeis da continuada mingua de efectivos experimentada nos últimos anos no cadro de persoal.

Mais unha razón para o descontento; no pasado exercicio, por volta de 100 trens foron substituídos na Galiza "por non ter maquinistas para os conducir, ocasionando serios trastornos ás viaxeiras", afirma o comité de folga nun dos materiais propagandísticos dos protestos.

Os cortes en persoal están a atinxir tamén a venda de billetes. Cada vez hai menos xanelas abertas nas billeteiras na estación, alegan, e RENFE tería retallado os horarios de venda anticipada en estacións como Compostela, A Coruña, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo-Guixar.

Item máis: acrecéntanse as políticas privatizadoras. "Cada vez máis traballos de mantemento dos vehículos de RENFE son desviados a empresas privadas por non contar a empresa con persoal suficiente para facer o labor", censuran. Menos coidado das infraestruturas resulta sempre en deficiencias nos servizos e, destarte, está a ser notorio "o aumento das incidencias nos equipos de climatización, avarías de locomotoras, redución de prestacións de confort e tracción, retrasos e supresións de trens", engaden.

Canto ao que acontece nas oficinas, o comité de greve denuncia que a tendencia  é a aumentar as xefaturas "postas a dedo" e a facer minguar "o persoal administrativo". A consecuencia disto é que cada vez hai menos "posibilidades de promoción", co cal estaríanse a "saturar sobre maneira os postos de traballo".

Calendario da greve

A acción desta cuarta feira, convocada baixo o lema "Menos Xestores e Mais [email protected]", vai ter continuidade os próximos días 30 de agosto e 1 de setembro. Este 14 de agosto os paros vanse rexistar entre as 12 e as 16 horas e entre as 20 e as 24 horas.

Os paros desta cuarta feira atinxirán por volta de 30 trens, segundo os dados sindicais. Entre os servizos suprimidos figuran o Vigo-Urzaiz-A Coruña das 11.15 horas e o Santiago-Vigo-Guixar das 22 horas. Os servizos mínimos estabelecidos por RENFE cobren 68% dos traxectos de media distancia.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/nova-greve-ferroviaria-falta-persoal-suficiente/20190814100822083116.html


© 2019 Sermos Galiza