Imprimir

Unha novela sobre Frei Rosendo Salvado, premio Losada Diéguez

Redacción | 01 de maio de 2019

Estatua de Frei Rosendo Salvado en Tui. Foto: dominio público (Galipedia).
Estatua de Frei Rosendo Salvado en Tui. Foto: dominio público (Galipedia).

Nova Nursia (Xerais, 2018), a novela de Héctor Cajaraville sobre Frei Rosendo Salvado, gañou a 34ª edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de creación literaria. En ensaio, o galardón foi para As orixes da fotografía en Galicia (Alvarellos / Consorcio de Santiago de Compostela, 2019), de Casrlos Castelao.
 

A obra de Cajaraville válese dunha combinación de perspectivas -narración en terceira persoa e cartas en primeira- para achegar a figura do relixioso que, de Tui a Australia, está considerado ademais o introdutor do eucalipto en Galiza. Beneditino, protagoniza esta “áxil novela histórica”, en palabras do xurado.

 

As orixes da fotografía en Galicia é un traballo pioneiro, de gran profundidade documental, sobre “a chegada e asentamento da fotografía na sociedade compostelá”. É ademais unha coidada edición con ducias de imaxes que contribúen a “rescatar a memoria visual da época”.

 

Ao certame, organizado polos concellos do Carballiño e Boborás, concorreron 38 obras, 16 na modalidade de ensaio e 22 na de literatura. Está dotado con 6.000 euros por categoría e entregarase nun acto no pazo da familia Losada Diéguez en Moldes (Boborás) o vindeiro 15 de xuño.

 

O xurado estivo presidido polo concelleiro de Cultura do Carballiño Diego Fernández. Participaron como vocais: pola Real Academia Galega, Afonso-Vázquez Monxardín; polo Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña; por Boborás, Patricia Torres; da Universidade de Santiago, María do Mar Lorenzo; da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro; e da Deputación Luis González Tosar.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/novela-frei-rosendo-salvado-premio-losada-dieguez/20190501115640078953.html


© 2019 Sermos Galiza