Imprimir

O Banco Santander inicia o feche das 135 oficinas que prevé clausurar na Galiza

Redacción | 06 de setembro de 2019

Banco Santander
Banco Santander
Esta sexta feira clausura 7 sucursais. O ERE prevé o despedimento de 271 traballadores e traballadoras. CIG eleva a 487 os postos de traballo que o ERE do Santander “destruirá” na Galiza

O Banco Santander inicia esta sexta feira a vaga de feches de oficinas enmarcada no seu ERE e que suporá a clausura de 135 sucursais na Galiza. A entidade presidida por Ana Botín fecha agora 7 oficinas no noso país e un total de 86 en todo o Estado. Antes de fin de mes procederá a clausurar outras 176 sucursais no Estado.

O pasado mes de maio o Banco Santander anunciaba a súa intención de fechar na Galiza 135 sucursais e despedir 271 traballadores e traballadoras (14% das atinxidas polo expediente de regulación de emprego a nivel estatal). O Santander impulsa un ERE que afecta 3.713 empregos no conxunto do Estado e pechará 1.150 oficinas. O banco tivo 3.752 millóns de euros de beneficios en 2018. Das 135 oficinas bancarias que se fecharán, a maioría estará na provincia da Coruña (64) e de Pontevedra (37), mentres que en Lugo afectará 19 e en Ourense, 15.

Estes despedimentos e feche de sucursais na Galiza é chover sobre mollado. Entre 2008 e 2018 na Galiza desapareceron máis de mil sucursais bancarias o que se deu da man do proceso de centralización e concentración bancaria así como do impacto das novas tecnoloxías e a banca e dos trámites por internet. Nunha década desapareceu 40% da rede bancaria na Galiza, segundo os dados recentemente publicados polo Banco de España.

Entre 2008 e 2016, o número de persoas en situación de exclusión financeira aumentou na Galiza en 49%, 15 puntos por riba da media española, que é de 34%

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/o-banco-santander/20190906181316083817.html


© 2019 Sermos Galiza