Imprimir

O BCE demanda a Rajoy que solicite o rescate

O.R | 06 de setembro de 2012

Mario Draghi, director do BCE
Mario Draghi, director do BCE
O director do Banco Central Europeo, Mario Draghi, asegurou que o proxecto do euro é "irreversíbel" e insta os gobernos a continuaren coas reformas económicas se queren que a máxima autoridade financeira interveña na compra de débeda.

Malia que o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, pedía á máxima autoridade financeira da UE que mercase débeda dos estados máis prexudicados economicamente antes de se reunir coa chanceler Angela Merkel, o director do BCE asegurou que a posibilidade dun plan de compra viría da man dunha "estrita condicionalidade". Asemade, confirmou que a súa intervención no mercado secundario exixiría da solicitude dun outro rescate á economía española. Nin as negociacións con Alemaña nin as súas solicitudes dun trato de favor a respecto doutros estados europeos xa rescatados, lle servirán ao presidente español para paliar os efectos da inminente intervención económica. 

Na rolda de prensa posterior ao Consello do BCE, o seu director, Mario Draghi instou as autoridades europeas a continuaren coas reformas económicas para recuperaren a confianza dos mercados mais asegurou que non agardaba unha recuperación económica a curto prazo. Tamén así llo fixo saber a presidenta alemá, que louvou as politicas desenvolvidas polo Estado español e emprazou a Mariano Rajoy a continuar por esa senda na procura da recuperación económica. De nada serven as taxas de desemprego máis elevadas de Europa para facer ver @s [email protected] da eurozaona que a aplicación das estritas políticas neoliberais non farán que ningún país mellore a súa situación económica nin financeira. 

Na rolda de prensa posterior á xuntanza con Angela Merkel, o presidente do goberno español evitou facer declaracións a respecto do anuncio de Mario Draghi e defendeu as políticas de recortes argüíndo, máis unha vez, que "é o que temos que facer". Así mesmo, considerou que a recuperación económica viría da man dunha redución do gasto e do control das contas públicas. Tamén así, o presidente español repasou a folla de ruta que lle marcan os seus socios europeos e repetiu máis unha vez que os seus plans a curto prazo se sitúan na reestruturación bancaria e na creación dun "banco malo". 

A preguntas [email protected] xornalistas, a respecto da posíbel reforma do sistema das pensións após facer uso dos fondos da seguridade social, o presidente español asegurou non ter intención de facelo malia ter empregado os fondos das mutuas no último pagamento das pensións.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/mundo/o-bce-demanda-a-rajoy-que-solicite-o-rescate/20120906155440004857.html


© 2019 Sermos Galiza