Imprimir

O cinema independente volve a Ferrol

Irene Pin | 10 de outubro de 2019

Butacas de cinema
Butacas de cinema
Os históricos cinemas Duplex de Ferrol reabren na quinta feira 10 de outubro irmandados con Numax, espazo de referencia a nivel europeo. O proxecto vén da man de Ramiro Ledo, socio fundador da cooperativa con sede en Compostela, que relanza as salas apostando pola versión orixinal subtitulada e o cinema independente e de autor.

Duplex Cinema reabre o 10 de outubro como fiestra do cinema independente. As dúas salas asumen unha nova etapa da man de Ramiro Ledo, socio fundador de Numax, quen decidiu aproveitar a súa experiencia coa cooperativa para adaptala ás necesidades dos Duplex, como sala de proximidade que vai ser. O desafío era semellante ao que enfrontaba Numax en 2015: dotar a cidade dun cinema ao que “que sirva de punto de encontro”, que ademais funcione como “dinamizador importante da comunidade”, conta Ledo en declaracións a Sermos Galiza.

O desafío era semellante ao que enfrontaba Numax en 2015: dotar a cidade dun cinema ao que “que sirva de punto de encontro”, conta Ledo

As programación van ter moito que ver coa da sala compostelá, mais sempre adaptada ao local, á súa situación concreta no barrio de Esteiro. Duplex traballará sobre todo con estreas, tratando de manter certa continuidade co anterior modelo, pero con máis presenza da versión orixinal subtitulada. Ademais, haberá proxeccións destinadas a xente moza, ópera, concertos... O proxecto tamén pretende desenvolver un labor de pantalla para creadoras locais.

Ir a pé ao cinema

Ledo considera “dramático” que unha cidade como Ferrol “non posúa un cinema ao que poder ir a pé”, no que estar vinculado coa actualidade cinematográfica. Actualmente, as salas de Esteiro son as únicas que fican abertas en Ferrol, formando parte dos 44 cinemas que existen hoxe na Galiza.

“A maneira de pervivir como entidade artelladora é un traballo coidado de programación e coñecemento do público, e tamén de intervención na comunidade”, afirma Ledo

“As persoas da miña xeración coñecemos os filmes nos videoclubs ou na televisión”, mais as estreas aínda eran un evento no cinema, “seguía sendo algo vertebrador”. Esa dimensión social, cada vez máis disolta nas dinámicas da pequena pantalla e a distribución vía internet, debe aprender a negociarse e convivir, atopar o seu novo lugar no presente. “A maneira de pervivir como entidade artelladora é un traballo coidado de programación e coñecemento do público, e tamén de intervención na comunidade”, afirma Ledo.

Reapertura

Duplex Cinema retoma a actividade após tres meses de reformas para readaptar o espazo, nun traballo de actualización do sistema de climatización, as butacas, os proxectores... e tamén a web e a identidade gráfica. A partir de agora, o cinema abrirá de segunda feira a domingo. A entrada xeral é de 5,9€, subindo a 6,6€ en fins de semana, festivos e vésperas de festivo. As persoas aboadas pagarán só 4€ en calquera filme. O abono dos Duplex será ademais válido en Numax, e viceversa, promovendo as sinerxías entre estes dous proxectos irmandados.

A primeira proxección será ás 17.30 horas do día 10 de outubro. Duplex reabre coas estreas de seis filmes: Aute Retrato, de Gaizka Urresti; Amazing Grace, de Allan Elliot e Sydney Pollack; Os anos máis fermosos dunha vida, de Claude Lelouch; El crack cero, de Jose Luis Garci; O que arde, de Oliver Laxe; e Até sempre, meu fillo, de Wang Xiaoshuai.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/o-cinema-independente/20191010120100085056.html


© 2019 Sermos Galiza