Imprimir

O galego de Shakespeare

Daniel Salgado | 12 de Marzo de 2019

Detalle do retrato Droeshout de Shakespeare (Strafford-upon-Avon, 1564-1616). Imaxe: Wikipedia.
Detalle do retrato Droeshout de Shakespeare (Strafford-upon-Avon, 1564-1616). Imaxe: Wikipedia.

Entre as máis celebradas comedias de Shakespeare atópase Ao voso gusto. Enredos e ambigüidades, “brillante e divertida”, é peza maior do ciclo cómico do inglés. O tradutor Miguel Pérez Romero vén de publicar a súa versión nun volume conxunto coa “comedia problema” A medida por medida.
 

“Hai anos que as traducín”, explica Pérez Romero a Sermos Galiza, “pero até agora non se deran as circunstancias para que saísen”. É Laiovento a editora que finalmente se encargou de colocar nas librarías estes dous novos shakespeares dun dos máis dedicados especialistas no autor e no seu paso ao galego. Do seu gabinete proceden Romeo e Xulieta (1594), O rei Lear (1605), O soño dunha noite de San Xoán (1595), O mercader de Venecia (1596), Hamlet (1601), Macbeth (1605), A tempestade (1611) ou Noite de Reis (1602), a maioría delas publicadas na inactiva colección Clásicos Universais de Galaxia.

ao voso gusto e a medida por medida - william shakespeare (cuberta)

A obsesión Shakespeare persegue insistentemente a Pérez Romero. O coñecemento íntimo dunha obra que adquire o tradutor ou tradutora ao traballar sobre ela permítelle ademais trazar retos e dificultades. “Son as propias dun grande autor”, expón, “porque, ao cabo, o escritor escribe o que quere e o tradutor ten que facer o que pode”.

 

Para Ao voso gusto (1599) e A medida por medida (1604) o seu problema era conseguir “un galego actual e, ao mesmo tempo, non tratar conceptos que non existían daquela. Por poñer un exemplo, non podería falar dunha bicicleta, nin do feminismo”. Os diferentes rexistros dos personaxes tampouco ofrecen facilidades: A medida por medida, encadrada nas denominadas comedias problema que mesturan riso e fondo dramático, discorre nun contexto urbano de baixos fondos.

 

Verso branco, ás veces rimado, e innúmeros xogos de palabras son as tácticas que o dramaturgo de Strafford-upon-Avon sementaba nos seus textos. “O importante para min foi buscar en galego o verso branco con certo ritmo”, di. E desenvolver un labor que nunca remata. Pérez Romero volve unha vez e outra sobre as súas propias traducións: “De Hamlet fixen unha nova versión que pendurei na Rede, porque non atopei editorial; e O soño dunha noite de verán, que ten moito verso rimado e de primeiras traducira á présa, funa refacendo ao longo dos anos”.

 

Mais Perez Romero non estivo só na tarefa de verter ao galego a literatura dun dos xenios por excelencia do canon, occidental e máis alá. El mesmo recoñece a “magnificencia” dos Sonetos (Xerais, 2011) na versión de Ramón Guitérrez Izquierdo. Ou o “gran antecedente” do Macbeth segundo Fernando Pérez-Barreiro Noia publicado en 1972 por Galaxia. “Todo idioma culto ten obras de Shakespeare traducidas e en moitas versións, porque nunca existe unha definitiva”, conclúe.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/o-galego-de-shakespeare/20190307142042076827.html


© 2019 Sermos Galiza