Imprimir

O galego entra en campaña

Daniel Salgado | 14 de Marzo de 2019

[Imaxe: PPdeG] Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo
[Imaxe: PPdeG] Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo

A nova dirixencia do PP estatal volveu meter o galego na campaña electoral. A súa proposta de eliminar todo requisito de coñecemento das linguas cooficiais para acceder á función pública axiña achou resposta na Galiza. Feixoo lembrou que el fora un adiantado a ese respecto. A dereita, agora con varios actores a competir polo mesmo espazo, recupera o galego como campo de batalla. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 338 de Sermos Galiza.

mini4A virada cara a territorios lindeiros coa extrema dereita do PP comandado por Pablo Casado tamén afecta ás posicións que, sobre a cuestión lingüística, mantivo historicamente. O pasado febreiro, a prensa madrileña destapaba a súa intención programática de suprimir o coñecemento das linguas cooficiais no Estado -galego, catalán e eusquera- como requisito para acceder a un emprego público nas respectivas nacións. Casado, a quen Alberto Núñez Feixoo apoiou na guerra interna do principal partido da dereita española, volvía situar os idiomas minorizados no corazón da estratexia popular.

 

O presidente da Xunta apurou a lembrar que Galiza era “exemplo” e que, por caso, nas oposicións ao Sergas o galego non é requisito e apenas un mérito. Esta mudanza normativa fora unha das primeiras medidas adoptadas por Feixoo ao chegar a San Caetano en 2009, logo dunha campaña electoral en que fixo seus os argumentos da asociación contraria ao galego Galicia Bilingüe. Así o explica Henrique Monteagudo, sociolingüista e académico. “Esa proposta do PP dá continuidade a decisións que o propio Feixoo tomou nos primeiros meses do seu mandato”, afirma a Sermos Galiza, “na véspera do primeiro Día das Letras Galegas como presidente anunciou que eliminaba a obrigatoriedade de coñecer o galego para a función pública”.

 

Desde entón, só nalgunhas prazas específicas hai que superar probas que acrediten a competencia nunha das dúas linguas oficiais en Galiza. Mais nin nese caso a Xunta semella moi vixiante, tal e como denunciaba esta semana A Mesa pola Normalización Lingüística. Segundo varias queixas recibidas no seu servizo Liña do Galego, que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, a Consellaría de Educación permanece impasíbel ante o feito de que haxa profesorado cuxo coñecemento do galego non estea acreditado.

 

“Con Feixoo comezou o proceso de desoficialización do galego”, engade Monteagudo, “antes, en cada oposición era obrigatorio facer algunha das probas en galego. Xa non”. A desigualdade de iure entre castelán e galego na Galiza, consagrada xa no propio Estatuto, avanza. “Restrinxen a súa oficialidade”, sintetiza o académico. De xeito semellante opina, xustamente, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, para quen no Partido Popular e na dereita “nunca deixou de estar activo o prexuízo contra o galego”. Como exemplos, ademais do sinalado por Monteagudo, coloca a redución da carga lectiva que incluía a Lomce do Executivo de Mariano Raxoi.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 338 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/o-galego-entra-en-campana/20190313174317077034.html


© 2019 Sermos Galiza