Imprimir

O sistema de recollida de lixo 'porta a porta': un plan de residuos 'polémico' e alternativo

Olalla Rodil | 13 de xullo de 2013

Concellos de Hego Euskal Herria (CAV e Nafarroa) desenvolven xa este modelo de xestión de residuos. A súa implantación xerou a confrontación política entre os gobernos abertzales e as forzas da oposición. En Sermos Galiza conversamos con Iñaki Errazkin, conselleiro de Medioambiente da Deputación de Guipuzkoa, pioneira na implantación deste modelo de tratamento do lixo

 

Guipuzkoa foi a primeira provincia vasca en botar a andar este modelo de xestión de residuos. A proposta viña a se presentar como unha alternativa á construción dunha planta de incineración. A chegada de Bildu ao goberno da Deputación paralizou o polémico proxecto --semellante á proxectada pola Xunta no Irixo (Ourense). No seu lugar, o executivo abertzale decidiu sacar adiante a recollida de lixo 'porta a porta'. Unha proposta que, no entanto, deu lugar a unha guerra aberta entre @s [email protected] e [email protected] 

Embora sexa un plan de xestión de residuos implantado desde hai anos en máis dun cento de concellos cataláns e cidades como Bruxelas ou Milán, unha parte da cidadanía de concellos como Usurbil, Hernani, Oiartzun e Antzuola rexeita as exixencias deste sistema que pula pola responsabilidade individual á hora de seleccionar os residuos.

Aumentar a separación selectiva a través da aplicación dos 3R
Iñaki Errazkin é conselleiro de Medioambiente da Deputación de Guipuzkoa. En conversa con Sermos Galiza asegurou que o obxectivo do 'porta a porta`(PaP) é desenvolver unha recollida de lixo "individualizada". Ao contrario do que acontece cos tradicionais contedores, veciñas e veciños deben depositar os seus residuos nun cubo marcado co enderezo da súa morada. Aliás, fíxanse datas de recollida diferentes en función dos materiais (vidro, orgánico, plásticos e envases, rechazos ou papel) "polo que consegues que case todas as vivendas e familias reciclen", apunta Errazkin. 

Bildu aposta pola aplicación dos principios de redución, reutilización e reciclaxe como solución a "un problema", di, "xerado por un modelo baseado no consumo"

Eis a polémica.  A identificación individual obriga á veciñanza a reciclar e facelo ben --para o que foron distribuídas guías sobre o funcionamento da PaP. Para [email protected] isto supón un quebradeiro de cabeza e mesmo hai quen optou por levar o lixo a outros concellos para non facer fronte á separación de residuos. 

Para Iñaki Errazkin, a polémica xurdida --que mesmo foi organizada arredor de Plataformas cidadás-- "é moi doada de explicar". Segundo o conselleiro de Medioambiente, "hai tres razóns para entender por que se está xerando esta batalla política". E é que "cando plantexas un cambio como o do porta a porta" no que, recoñece, "estás mudando os costumes da xente" é "normal que ao principio xere medo, dúbidas" e mesmo que sexa rexeitado. 

Asemade, continúa Iñaki, a resposta das forzas da oposición (PNV, PP, UPN e PSOE) débese a que o novo sistema "invirte o que até o de agora eles estaban plantexando". Fronte á incineración defendida pola maior parte das organizacións, Bildu aposta pola aplicación dos principios de redución, reutilización e reciclaxe como solución a "un problema", di, "xerado por un modelo baseado no consumo". 

Porén, para alén disto, en Guipuzkoa "estase a disputar a hexemonía política e social" e o 'porta a porta' converteuse "na bandeira" da oposición para bater contra a organización abertzale. 

A implantación do sistema de recollida selectiva 'porta a porta' deita uns índices de reciclado que alcanzan entre o 70% e o 80%

Reciclar, reutilizar e compostar xera emprego
A implantación do sistema de recollida selectiva 'porta a porta' deita uns índices de reciclado que alcanzan entre o 70% e o 80%. No entanto, e de acordo coa filosofía que motiva a súa posta en marcha, as guías distribuídas desde os concellos promoven a compostaxe e a reutilización como alternativas na procura de reducir a xeración de residuos. 

"En todo o territorio", indica Iñaki Errazkin, "xéranse 700 novos postos de traballo", froito da recollida e das plantas de compostaxe. Fronte a estes, unha incineradora crearía tan só entre 30 e 40 empregos. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/o-polemico-sistema-de-recollida-de-lixo-porta-a-porta-un-plan-de-residuos-alternativo/20130712133407017131.html


© 2019 Sermos Galiza