Imprimir

Ons, unha illa chea de vida

A. Mera | 08 de setembro de 2019

[Imaxe: María Pérez / Adrián Ferrer] Protesta en Ons.
[Imaxe: María Pérez / Adrián Ferrer] Protesta en Ons.
A illa de Ons contaba a mediados de século pasado con 500 habitantes. Actualmente vívese nela un conflito veciñal debido ás restricións no acceso que a Xunta quere implantar sobre as persoas residentes e as súas familias. Sermos Galiza conversa sobre a historia, situación e perspectivas de futuro da poboación local con tres persoas que representan diferentes xeracións da illa: Cesáreo Pérez, María Xosé Pérez e Adrián Ferrer. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_2_OnsO arquipélago formado polas illas de Ons, Onza e o illote das Freitosas (Bueu) leva habitado desde a Prehistoria. Así o amosan os diversos vestixios descubertos e conservados até a actualidade, como o caso dos machados neolíticos. Posteriormente, o territorio albergou un asentamento castrexo e contou con diversas edificacións que sinalizan unha colonización cíclica da illa de Ons ao longo da historia, cun volume de poboación que foi variando.

De feito, froito dos asaltos acontecidos nos séculos XVI e XVII, así como do saqueo a mans das tropas francesas en 1585 e dos berberiscos en 1601 durante o ataque a Pontevedra, a poboación foise desprazando a territorio continental en busca de maior seguranza.

En Abordo das Ons, un completo libro sobre a historia das illas autoría da escritora Marta Lemos Jorge, recóllese como após a invasión napoleónica se favoreceu a recolonización das illas e a construción de elementos defensivos para facer fronte a posíbeis novas incursións. Consérvanse desa iniciativa diversos restos que lembran as fortificacións que noutra hora se ergueron no barrio de Pereiró e o chamado castelo de Roda, no barrio de Curro. Lemos achega ademais información polo miúdo sobre como en 1941 o Ministerio do Exército da ditadura franquista inicia a expropiación das illas de Ons e de Onza, sendo taxadas nun millón de pesetas.

En 1943, o réxime pretendeu construír unha base de submarinos no arquipélago que afortunadamente nunca viu a luz. Na acta de expropiación consta que ao finalizar cada ano as e os insulares debían satisfacer os arrendamentos ao Ministerio polas súas propias vivendas e leiras. Os ingresos polos dereitos de caza e pesca tamén debían ser pagados ao poder estatal. Ademais, o escrito puntualiza que as persoas habitantes poderían ser desaloxadas en calquera momento logo do aviso cun ano de antelación por parte da autoridade militar.

Nos anos 40 e 50 do século pasado vivían na illa de Ons unhas 500 persoas, había un cento de vivendas, unha escola, un edificio médico… a poboación incluso estaba estruturada en barrios, con topónimos que aínda se manteñen hoxe. En apenas dúas décadas o territorio perdeu case a totalidade da súa poboación fixa, debido a que os servizos non evolucionaron respecto das poboacións veciñas de Bueu e Portonovo, lugares onde empezaron a residir as persoas da illa.

Neses anos, as embarcacións a motor substituíron as tradicionais dornas, mais as novas xa non podían atracar nos espigóns da illa, pois nunca chegaron a ser reformados para albergalas. Por este motivo, os mariñeiros comezaron a atracar en Bueu, a pasar as noites en terra e, pouco a pouco, foron mercando casas no continente.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/ons-unha-illa-chea-de-vida/20190904180321083709.html


© 2019 Sermos Galiza