Imprimir

Ortiz Neira, mártir civil da Galiza

Cilia Torna | 24 de marzo de 2019

[Imaxe: Vida Gallega] Ourense proclama a República galega.
Xuño, 1931.
[Imaxe: Vida Gallega] Ourense proclama a República galega. Xuño, 1931.

O 24 de marzo de 1932 falecía en Ourense a consecuencia das feridas producidas uns días antes polas balas da Garda Civil mentres participaba nunha xornada de folga o mozo de dezaoito anos Xenaro Ortíz Neira. Afiliado das Mocidades Galeguistas, membro do grupo Ultreia e persoa influída pola tradición heterodoxa do marxismo, milita na lexión dos esquecidos do noso martirioloxio rebelde.

2Eran aqueles días azuis e vermellos de marzo de 1932 nos que Galiza volveu erguerse como república independente. A decisión do goberno do Estado de paralizar as obras dos tramos galegos do ferrocarril de Madrid-A Coruña proxectado á volta de 1855 e que acumulaba décadas de retraso foi outra vez a chispa que xunguiu de novo a loita operaria e nacional até rematar por proclamar como en xuño de 1931 a república galega.

 

Mentres os quince mil traballadores das obras do camiño de ferro se declaran en folga atendendo ao chamado dos seus sindicados, a casa do pobo de Ourense convoca a greve xeral e o paro esténdese ás cidades e aos principais núcleos económicos de Galiza, comezan as dimisións dos cargos electos, multiplícanse as protestas e actos de sabotaxe e a corporación da Pobra da Seabra aproba por unanimidade integrarse en Galiza izando a bandeira azul e branco no seu balcón e no edificio da cámara de comercio.

 

Ao tempo, Ourense e outros concellos do interior deciden declarar a independencia de Galiza, chegando, mesmamente, como lembraba Luís Soto nas súas memorias, a erguerse no goberno civil da cidade unha bandeira vermella, coa fouce e martelo e unha lenda bordada en letras douradas que rezaba “República Soviética Independente de Galiza”.

 

Chamábase Xenaro Ortíz Neira e era simplemente un estudante que comezaba a súa militancia nacionalista. Fillo dunha coñecida familia da cidade, seu pai era profesor de debuxo no instituto, facía parte do grupo de mozos achegados á causa galega nos claustros do centro de segunda ensinanza baixo o maxisterio de Otero Pedraio, algúns dos cales, como Xenaro ou Astorga Anta, partillaban vinculación co grupo Ultreia dirixido por Álvaro de las Casas, con posicións próximas ao marxismo heterodoxo, neste caso o troskismo, representado entre outros polos irmáns Fernández Mazas.

 

Membro das Mocidades Galeguistas como a súa irmá Pilar, produto daquela factoría de patriotas na que Risco converteu durante un tempo a escola normal, será lembrado na súa necrolóxica por aqueles que o coñeceron como “un mozo estudante cuxa vida era o máis grande horizonte de optimismo, deixando en todos nós a lembranza imperecedoira dun mártir no altar sagrado dunha loita para manter no aire o pendón da máis racial galeguidade”.

 

Enfrontamentos

 

Formou no pobo que tomou as rúas de Ourense para restaurar a dignidade e liberdade galega. O 22 de marzo Ourense é unha cidade paralizada tomada polos folguistas en disputa coas forzas da orde, principalmente a Garda Civil, que non dubida en acudir ao uso indiscriminado da violencia para facer fracasar a xornada de loita. Os choques entre uns e outros sucédense ao longo de todo o día, significándose os enfrontamentos vividos á tarde, tras achegarse á cidade continxentes de traballadores dos concellos ourensáns, disparando por primeira vez a Garda Civil contra os manifestantes arredor das sete da tarde a carón da Alameda, onde é ferido un mozo de catorce anos chamado Manuel Bouzo.

 

Practicamente á mesma hora un grupo de piquetes do que facía parte Xenaro Ortiz tentou entrar na armería de Leonardo Pascual na praza Maior, procedendo as forzas da orde a abrir lume contra o mesmo, ficando feridas varias persoas, significándose pola súa gravidade un dirixente do sindicato de carpinteiros, unha muller e o propio Ortiz Neira.

 

Só tiña dezaoito anos cando falecía o 24 de marzo de 1932 a consecuencia das feridas producidas polas balas das forzas da orde pública. A morte de Ortiz Neira explícase no marco dunha resposta represiva moi dura por parte das autoridades que rematou con ducias de ourensáns feridos por bala e máis de corenta detidos só nesta cidade. Unha cifra á que debemos sumarlle máis de cen detidos en toda Galiza.

 

O seu enterro foi toda unha manifestación de carraxe contra a Garda Civil polo asasinato do mozo nacionalista e tamén de afirmación nas demandas que naquela altura unían maioritariamente a sociedade galega e ourensá. Como afirmaba a sección local do Partido Galeguista nun comunicado emitido para condenar os feitos: “a nosa dor xunto á vosa pola morte de Ortiz Neira, mártir civil da Galiza resurxente, a quen debemos seguir sempre e non esquecer xamais”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/ortiz-neira-martir-civil-da-galiza/20190321125725077280.html


© 2019 Sermos Galiza