Imprimir

Os cans gardiáns

Iolanda Teixeiro Rei | Pedagoga Social. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol

Sermos Galiza | 31 de outubro de 2019

Moitos cans levan a fidelidade alén das portas da vida e fan garda nos cemiterios ate morrer sen se arredar do seu dono soterrado. Por iso eu agardava ver algún can na exhumación de Franco no mausoleo do Valle de los Caídos. Axiña me decatei que era demasiado tempo para que sobrevivira ningún, nen sequer aquel ministro tan sensivel  que esbagullava aquel vinte de novembro.

Os demócratas de malla elástica, eses que usan da talla 155  -eses molossus que Virxilio dicía que gardan a propiedade sen temor aos lobos nen aos ladróns da noite-  foron quen de mover unha cinzas para apagar o rescoldo republicán e soterrar o procés antes do que as víctimas das cunetas.

Na Antiga Grecia eran os cínicos un grupo de filósofos cirenaicos que reinterpretaron a doutrina socrática tendo por un mal a civilización e o seu xeito de vida. Acreditavan nas bondades dunha vida frugal acorde coa natureza. Gostavan da anaideia ou provocación irreverente porque consideraban o escarnio e o se burlar do xuízo dos outros como o camiño para acadar a  verdadeira sabiduría. Dióxenes defendía o dominio de si mesmo para non ser escravos das normas sociais. Os cínicos ou cans criticavan os malos praceres do ter que someten ás persoas ás consignas gregarias (cobizar honores, correr tras o diñeiro, frecuentar aos poderosos…) e defendían os bos praceres do ser, os praceres velaíños fronte aos triviais, os que liberan no canto de alienar.

Parece que os cínicos, pois, non eran cans por ladrar os conceptos senón pola súa defensa da vida frugal, de aí o coñecido bocoi de Dióxenes que, ao que parece non era un bocoi senón unha ánfora, pois aquel parece ser obra dos galos ou bretóns.

E falando de bretóns e de cans, o filósofo galego Francisco Sampedro, que gostava de asinar como Paul Nizan, recoméndame ler Les chiens de garde ou Os cans gardiáns do bretón comunista Paul Nizan. Neste livro, o grande amigo de Sartre desmonta a filosofía oficial e as súas implicacións co poder así como os valores morais da burguesía nos tempos dos nazis, contra os que morreu loitando na batalla de Dunquerque cando a penas chegara á madureza biolóxica anque si á intelectual e moral.

Os cans gardiáns non son os cans de palleiro (os de antes, non os de raza selecta de agora) dos cínicos como Dióxenes o Can senón eses intelectuais de todos os tempos que gardan silenzo perante a situación real que os compromete e da que prefiren manterse a unha distancia prudencial. Porque os cans non morden a man que lles dá de comer. Xa Castelao dicía que algúns teñen can para ter en quen mandar. E Jan Fei Dsi, en recuados tempos, contava daquel can que avinagrava o viño soberbio dun taberneiro  que se lle rematava agriando porque os clientes non volvían por medo ao bravo can que tiña para gardar a adega.

Dime o filósofo galego que noutros tempos, nas aldeas, aos cans apúñanlles nomes de personaxes que as xentes tiñan por malvados. Non sei se saberán disto os animalistas. Puña por caso a cantidade de cans que respondían ao nome de Trostki ou Ney, nunha lembranza inconsciente e cínica antimarxista e antinapoleónica cando poucos labregos sabían quen fora Karl Marx ou Luis XVIII e a fidelidade que lle tivera logo aquel mariscal.

Moito tivo que mudar o mundo para que hoxe todos os cans rurais e vilegos leven nomes bonitos ou alleos. Os mastíns que gardan as vacas dos lobos na Casa Grande de Xanceda, poño por caso, chámanse Titán, Troya, Rex. Outros cadelos responden a nomes tan desnortados como Vampiresa, Brandon ou Sweet. Hai nomes míticos como Hades, Osiris, Anubis, Zeus, Dante ou Ulises. Caniches que se chaman Goliath e artúricos como Lancelot ou Galván. Os nacionalistas adoitan apoñer Ith, Suevia ou Osián.

E eu, tan pobre que nunca tiven un can, coñecín a Dana, seus fillos Morgan e John Smith e un can lubicán de meu avó que se chamava Fly, douto cazador de galiñas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/iolanda-teixeiro-rei/os-cans-gardians/20191025135923085880.html


© 2019 Sermos Galiza