Imprimir

Os límites da opinión

Iria Veiga | Médica psiquiatra do Sistema Galego de Saúde

Sermos Galiza | 08 de setembro de 2019

Todas as opinións son respectables. Este é un lugar común repetido ata a saciedade e non por iso menos falso. Todas as persoas teñen dereito a expresar a súa opinión, e todas as persoas merecen respecto, pero hai opinións que son desprezables, malvadas ou sinxelamente absurdas. Tamén hai feitos obxectivos que non son opinables.

Unha opinión que contradí un feito establecido é, sinxelamente, errónea e superflua. Pode ser expresada, pero non por iso deixa de ser errónea e, por suposto, non pode ser considerada ao mesmo nivel que os datos contrastados. Sobre o colectivo LGBTIQ están aparecendo opinións malvadas, desprezables e absurdas nos últimos tempos, e tamén estamos asistindo (atónitos, polo menos eu) a declaracións que obvian ou contradín feitos plenamente establecidos.

Opinar que a homosexualidade é unha violación de certa lei relixiosa pode ser absurdo e anacrónico, pero entra dentro do campo da opinión. Dicir que é unha enfermidade é simplemente falso, porque existe un consenso científico e probas en sentido contrario. Quen profira tal afirmación debera vir cargado de datos que a apoien, que é a maneira na que se cambia o consenso científico.

Sobre o tema da diversidade sexual semella que todo se reduce a un marco teórico modificable segundo o momento histórico ou a situación política, sen que exista unha base obxectiva na que cimentarse. Isto ademais resulta moi conveniente para as posicións máis reaccionarias, que ven como as súas propostas deben ser escoitadas e debatidas en pé de igualdade, cando moitas veces chocan frontalmente non só cos dereitos humanos, senón tamén coa realidade.

A conduta homosexual existe en case todos os mamíferos superiores, e na especie humana coñécese en todas as épocas históricas e culturas. A súa presenza non limita en modo algún as capacidades sociais nin de supervivencia dos individuos que a presentan, e non afecta á súa calidade de vida máis que na medida na que é obxecto de discriminación por parte de certas sociedades. Polo tanto, trátase dunha variante da normalidade, e así o recoñecen as sociedades científicas. Dicir que se trata dun trastorno ou que pode “curarse” sería simplemente un erro conceptual se non fose froito dunha vontade clara de limitación de dereitos.

A transexualidade, por outra banda, acaba de ser eliminada pola OMS do listado de patoloxías, respondendo non só a unha reivindicación lexítima por parte do colectivo, senón a unha realidade. Unha realidade que, teimuda, demostra que a identidade sexual se distribúe a través dun continuum (como moitas outras variables biolóxicas) no que o feminino e o masculino serían dous extremos nos que ningún individuo se sitúa plenamente. Non se trata, pois, de dúas categorías estancas, porque a identidade non pode ser reducida ao sexo cromosómico nin ao xenital.

A bioloxía non deixa lugar a dúbidas a este respecto, pero os prexuízos moitas veces néganse a recoñecer a evidencia e atrinchéiranse no terreo da “opinión” para continuar defendendo posicións amplamente superadas pola evidencia científica dispoñible, sen ningún tipo de proba máis que o “sentido común”, o mesmo que invocan os terraplanistas para defender un Mundodisco rodeado por un muro de xeo (e sostido por unha tartaruga?).

O sentido común é enganoso, non está libre de erro e, sobre todo, é moi permeable ao prexuízo e ao nesgo de confirmación: seleccionamos aqueles datos que confirman as nosas ideas. Por iso o ser humano creou o método científico, como un refinamento mental para paliar as eivas que os nosos sentidos producen na observación da realidade. Por iso, tamén, o inxente caudal de información que prové a ciencia non pode ser dominado por un só individuo, por intelixente que sexa, e son necesarios os expertos e as diversas disciplinas.

A opinión dun señor random dicindo que só existen dous sexos (quererá dicir xéneros?) e que os tratamentos hormonais son “perigosísimos” sería simplemente unha información errada e superflua, que ningún medio serio debería publicar, se non fose de novo un intento deliberado por espallar un discurso limitador de dereitos.

 

[Este artigo de opinión foi publicado orixinariamente no número 359 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/iria-veiga/os-limites-da-opinion/20190813143805083081.html


© 2019 Sermos Galiza