Imprimir

Otegi pide unha grande alianza nas eleccións xerais que vaia desde o PNV até a CUP

X.M. | 05 de Xaneiro de 2019

Arnaldo Otegi
Arnaldo Otegi

O diagnóstico do líder abertzale é que a situación é excepcional e que o combate contra o "autoritarismo" da tríade dereitista —PP, Cs e Vox— exixe de grandes converxencias políticas. Otegi critica o PSOE polo seu "racanarismo político".

Nunha entrevista con Europa Press, o líder de EH Bildu defende ir a unha grande plataforma electoral nos próximos comicios xerais que faga fronte ao "autoritarismo" da dereita e que impida a volta "do aznarismo desbocado".

 

O xerme pode ser a coligación coa que EH Bildu -conxuntamente con ERC e o BNG- concorrerán ás eleccións europeas de 26 de maio. Mais esa fórmula non é suficiente. É preciso alargala e levala tamén ao Congreso dos Deputados, de acordo coa análise de Otegi. "No actual marco de involución no estado español" compriría ampliar a alianza a outras formacións "das nacións históricas e forzas progresistas", argumenta o líder independentista.

 

Trataríase de levar ao Congreso "unha voz única, que defenda o dereito a decidir, a consulta pactada, a liberdade dos presos e os dereitos sociais fronte ao autoritarismo e o neoliberalismo". Nesa alianza, precisou, non habería que excluír ninguén e debería ser tan ampla que permitise acoller nela desde o PNV até a CUP.

 

Otegi é consciente de que nunhas eleccións como as xerais, con circunscricións provinciais, é máis complexo materializar esta proposta do que nos comicios ao Parlamento europeu, cun único distrito electoral de ámbito estatal. Mais, dixo, "hai diferentes maneiras de facelo". "Nós plantexamos como filosofía política que haxa grandes acordos sobre programas de mínimos", dixo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/otegi-pide-grande-alianza-nas-eleccions-xerais-vaia-pnv-ate-cup/20190105115342075051.html


© 2019 Sermos Galiza