Imprimir

Pablo Carpinteiro reproduce unha "insólita" gaita das Cantigas con “enormes posibilidades”

C.V. | 16 de xuño de 2015

Todo apuntaba a que aquela gaita das Cantigas de Santa María proviña da imaxinación do iluminador mais Pablo Carpinteiro confiou na fidelidade da iconografía da obra de Afonso X e decidiu reproducir o instrumento. O resultado: unha gaita con enormes posibilidades que confirma unha cultura pioneira na Idade Media. VIDEO NO INTERIOR.

 

A gaita podía construírse e tocarse con resultados sorprendentes. O lutier Pablo Carpinteiro é o protagonista dunha noticia que muda a historia da gaita e confirma que a cultura que se producía en galego tiña un lugar pioneiro na Idade Media. 

O sorprendente traballo de Carpinteiro ten como base unha ilustración da cantiga 350 que até agora fora interpretado como fantasía do iluminador xa que as gaitas de máis dun bordón, como é a da imaxe, non están datadas ata dous séculos despois. Partindo da condición de músico de Afonso X e do seu proceder minucioso coa súa obra e as iconografías que se incluían, Carpinteiro tiña materia sobre a que traballar. “Non me creo, digo, que esa iconografía non represente un instrumento real. Así que pensei que quizais esa gaita fosen dúas gaitas montadas nun único fol. É dicir, o punteiro grande tocaría acompañado co máis longo dos bordóns longos e co máis longo dos curtos, e o punteiro curto tocaría cos outros dous, Iso permite tocar en dous modos diferentes e en dúas alturas diferentes”, explica no seu facebook, no que dá conta das características técnicas do instrumento e das posibilidades da súa interpretación. cantiga

Confirmar a sospeita

Partindo desa sospeita, Carpinteiro botouse a construír a gaita da iluminación para ver se “facéndoa exactamente coas mesmas proporcións e forma que na iconografía, o instrumento era funcional”. Despois de elaborar no seu obradoiro a gaita, Carpinteiro conclúe que a iconografía está pintada a partir dun modelo real o que, ao seu ver, significa que na Península había xa no século XIII gaitas de dous bordóns. “Con esta gaita poderíase tocar en todas as posibilidades modais da Idade Media!! Unha gaita cunhas posibilidades extraordinarias!!!” conclúe Carpinteiro, dunha investigación da que dá conta técnica no seu facebook e que amosa, segundo engade, “a enorme diferenza cultural entre a Península e o resto de Europa nos séculos medievais, grazas as enormes apartacións que árabes e xudeus fixeron, e que logo se expandiron por Europa a través do Camiño de Santiago”. 

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/pablo-carpinteiro-reproduce-singular-gaita-das-cantigas-enormes-posibilidades/20150616112910038306.html


© 2019 Sermos Galiza