Imprimir

Pablo Iglesias insiste nun Goberno de coalición cun PSOE que o nega

Redacción | 29 de agosto de 2019

O presidente do Goberno do Estado en funcións Pedro Sánchez (esquerda) e o líder de Podemos Pablo Iglesias nunha imaxe de arquivo. Foto: cedida.
O presidente do Goberno do Estado en funcións Pedro Sánchez (esquerda) e o líder de Podemos Pablo Iglesias nunha imaxe de arquivo. Foto: cedida.
A reaparición mediática do líder de Podemos despois do seu permiso por paternidade serviu para que comprobar como as posicións dos dous partidos chamados a conformar goberno seguen onde hai un mes. Pablo Iglesias insiste nun Goberno de coalición que o Partido Socialista xa non quere, e así o reiterou esta quinta feira o ministro en funcións de Fomento, José Luis Ábalos.

Iglesias, nunha entrevista na Cadena Ser esta quinta feira, volveu expresar a vontade da súa formación de sentar no Consello de Ministros. “O sensato é que nos poñamos de acordo nun Goberno de coalición”, afirmou, “nós tomamos a iniciativa e mesmo aceptamos un veto, mais a responsabilidade de sacar adiante unha investidura é do partido que gaña as eleccións”.

Podemos quere agora volver á oferta de acordo que o PSOE lle fixo horas antes do fracasado pleno de investidura de Sánchez o pasado 25 de xullo e que incluía unha vicepresidencia e tres ministerios para os de Iglesias. Mais os socialistas levan semanas expoñendo nos medios de comunicación que esa proposta “xa non vale”. Esta mesma quinta feira a prensa madrileña publicaba que Pedro Sánchez ultima 300 medidas coas que acadar os votos necesarios para presidir de novo o Goberno do Estado.

En todo caso, nin PSOE nin Podemos desbotan novas eleccións, que, de se esgotar o prazo para o segundo intento de investidura, serían en novembro. Por iso Pablo Iglesias, na mencionada entrevista radiofónica, colocou na mesa a atribución de responsabilidades. “Quen decide que vaiamos a eleccións é o PSOE, ten a chave”, dixo. E a chave que pecharía a porta electoral, segundo a súa versión, é que haxa ministros de Podemos no vindeiro Executivo estatal.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/pablo-iglesias-insiste-nun-goberno-coalicion-psoe-nega/20190829140743083513.html


© 2019 Sermos Galiza