Imprimir

"Palabra de patriotas", de Salvador Soutullo

María Pilar García Negro | Profesora da UDC e escritora

Sermos Galiza | 08 de setembro de 2019

Acaba de ver a luz o volume Palabra de patriotas, de Salvador Soutullo Carolo, subtitulado “Libro completo”, pois seica está precedido dunha outra edición que contén unha parte das entrevistas realizadas a diferentes persoas, logo neste libro completadas con todas as feitas polo seu autor. Este, nado na emigración en Barcelona en 1965, ten ampla experiencia como xornalista en meios de comunicación cataláns e galegos e é coautor do libro A emigración galega na Unión Europea e autor de República Galega. O volume que comentamos (case 500 páxinas) está publicado por ACEGA Edicións (“Asociación para a Comunicación cos Emigrantes Galegos”) e na súa lapela infórmasenos de que “é un traballo de conversas con diferentes líderes do nacionalismo galego. As conversas están feitas do ano 2007 ao ano 2009” (agás a última, a Ana Miranda, celebrada no presente ano).

Na súa portada figura a nómina de persoas entrevistadas, por esta orde: Ana Pontón, X. M. Beiras, Pilar García Negro, Pablo González Mariñas, Bautista Álvarez, Xesús Veiga Buxán, Suso Seixo, Camilo Nogueira, Antom Árias Curto, Antonio Oca Fernández, Carlos Mella, Francisco Rodríguez e Ana Miranda. A orde, porén, no interior no libro, non é esta. En todos os casos, figura, no comezo de cada unha delas, a data en que foron realizadas e a “ficha” de cada entrevistado-a. Vaian por adiantado os parabéns ao autor pola realización desta obra, que constitúe, coido, un bon documento de información histórica e, como non, tamén un “retrato” de cada unha das persoas entrevistadas. Gosto moito do xénero ou subxénero memorialístico e sempre me resultaron moi interesantes os libros de memorias dialogadas, a través da oportuna conversa ou serie de conversas realizadas polo(s) autor(es). No volume que titula este artigo, Salvador Soutullo fixo un importante esforzo de penetración nun período fundamental da historia contemporánea da Galiza, o das derradeiras décadas do século XX e a primeira do presente século. Preocupouse –para alén das perguntas xerais ou comúns destinadas a todos os entrevistados (sobre a Constitución española, o Estatuto de Autonomía, a Unión Europea…)– de elaborar un cuestionario particular para cada un deles e delas, segundo o teor da súa actividade particular ou dedicación política específica.

Doce anos teñen pasado e xorde inevitabelmente o “pasmo” polo tempo ido e por tantos acontecementos que o encheron e que deixaron a súa pegada no que hoxe a Galiza é: uns, consecuencias de fenómenos anteriores; uns outros, causa directa ou indirecta da situación do nacionalismo actual. Obviamente, non vou facer comentario de texto de nengunha das entrevistas. Como indiquei, todas constitúen non só unha achega valorativa persoal de cada quen senón tamén un retrato psicopolítico dos depoentes. Á leitora/ao leitor toca enxuiciar e ponderar a “verdade” de cada unha das persoas entrevistadas e formar o seu criterio. Penso que o libro ficaría mellorado se incluíse un prólogo explicativo do autor e, tamén, se as entrevistas contasen cun maior e mellor traballo de edición, diferente duns casos a outros e precisado, en todos eles, de elaborar a transcrición: eliminación de repeticións, supresión de coloquialismos, corrección de solecismos, completude das perguntas etcétera. Igualmente, o traballo da corrección lingüística que, no que a unha servidora respeita, contén mudanzas absolutamente desnecesarias (nen oralmente nen por escrito uso “dicir”, “titor” ou “após de”): mellor é transcreber e non corrixir formas lexítimas do galego, que pertencen ao seu sistema e non han de ser penalizábeis. Autor e corrector lingüístico (Valentín Alvite) ben entenderán esta miña obxección cando agora lles lembre –a eles e a quen isto ler– un pormenor que só pode ser lido humoristicamente: nun volume sobre Rosalía de Castro en que a miña intervención nunha mesa redonda foi transcrita e publicada, “aparezo” referíndome ao Manifesto “¡Máis alá!” como “Máis salao” [sic!]. De aquí para abaixo, o que vostedes quixeren en todo tipo de textos. Transcreban, pois, mais, antes, entéirense do que cada quen di.

En todo o caso, reitero a felicitación ao autor, por este contributo á nosa historia (con tantas carencias na oficial ou canónica) e animo á súa leitura desde estas páxinas.

 

[Este artigo foi publicado no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza]

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/maria-pilar-garcia-negro/palabra-patriotas-salvador-soutullo/20190828134434083456.html


© 2019 Sermos Galiza