Imprimir

As pandeireteiras Lagháchema gañan a terceira edición de Eclosom

Redacción | 15 de Abril de 2019

Lagháchema, gañadoras do certame Eclosom da Genatlha do Pichel, en Compostela. Foto: A Gentalha do Pichel.
Lagháchema, gañadoras do certame Eclosom da Genatlha do Pichel, en Compostela. Foto: A Gentalha do Pichel.

“Somos unha fornada de cantadoras e tocadoras a ras do chan. Xuntámonos no Pichel e fómonos deixando arrastrar”. Chámanse Lagháchema e veñen de gañar a terceira edición de Eclosom, o certame de “músicas emerxentes” que organiza o centro social compostelán A Gentalha do Pichel.
 

Despois de que case 300 persoas votasen para escoller as finalistas do concurso, tres bandas actuaron o pasado 13 de abril nas instalacións do Pichel. Ademais das gañadoras Lagháchema, participaron o rap feminista de Flow do Toxo e mais Kanitroters, entre o blues e o rock.

 

Foi Flow do Toxo quen levou máis votos do público asistente, pero o xurado decantou o galardón cara Lagháchema. Del fixeron parte Raquel González -da comisión de cultura do Pichel-, Maritxinha de Vudú e Andrea Pérez de Brassica Rapa, e Lucía Mallo de GzMúsica.

 

“Queremos parabenizar todas as bandas que se presentaron”, sinala a organización, “que non fan máis que evidenciar a alta calidade das nosas músicas e o incomprensíbel da súa ausencia nos moitos festivais dos que presumimos neste país”.

 

O premio para o proxecto gañador son 300 euros, un ano de uso de balde do novo local de ensaio do centro social e un concerto pola Festa do Dezasete en Compostela.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/pandeireteiras-laghachema-ganan-terceira-edicion-eclosom/20190415133900078176.html


© 2019 Sermos Galiza