Imprimir

O PP rexeita a proposta de AGE e manterá a Fundación do Gaiás, cun custo de 9 millóns

A.E. | 05 de febreiro de 2013

A Fundación Cidade da Cultura continuará. A proposta de AGE de que desaparecera "para osixenar o mundo da cultura cos 9 millóns que leva" caeu polos votos do PP.

 

O PP rexeitou a disolución da Fundación Cidade da Cultura, tal e como solicitou a oposición hoxe no Parlamento galego na Comisión de Cultura. Unha proposición non de lei presentada por AGE recuperou o debate sobre o futuro da infraestructura do Monte Gaiás e a súa financiación. "Vivimos nunha Galiza con desemprego e moitas familias con problemas para chegar a fin de mes, consideramos que non serve para nada esta fundación e o seu traballo ben pode facelo a Secretaría Xeral de Cultura". José Javier Ron, portavoz de Cultura de AGE, explicou a proposta da súa formación como "un xeito de rachar coa cultura do Faro para que volva ao pobo", en relación á centralización dos orzamentos na Cidade da Cultura. "Co aforro na desaparición desta fundación poderíase osixenar o mundo da cultura cos 9 millóns que leva".

Ana Pontón, portavoz de Cultura do BNG, foi máis alá. Cuestionou e fixo unha análise do que significou "de lastre para a cultura galega" a propia Cidade da Cultura. "Foi un fracaso para o PP baseado nun soño de Fraga que non tivo en conta o impacto cultural posterior, a cultura ten que estar en toda Galiza e non no Gaiás".

O portavoz de Cultura do PSdeG-PSOE, Francisco Caamaño, sinalou na súa intervención que "foi e é un pesadelo para os herdeiros dese soño que agora teñen serios problemas que acometer". Non dubidou en chamar "chiringuito do PP" á Fundación Cidade da Cultura e preguntou polos cartos "da anterior fundación con capital público e privado".

Agustín Baamonde, voceiro de Cultura do PP, atacou a BNG e PSOE polo seu paso polo goberno da Xunta e defendeu a Fundación Cidade da Cultura co argumento de que "cumpre unha función como é procurar recursos para propia Cidade da Cultura". A proposta foi rexeitada cos sete votos do seu partido.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/galiza/para-o-pp-a-fundacion-cidade-da-cultura-procura-recursos-para-o-gaias/20130205150653010650.html


© 2019 Sermos Galiza