Imprimir

Paradela organízase contra Endesa na plataforma Stop Eólicos

Redacción | 11 de agosto de 2019

Obras do parque eólico de Paradela. Foto: plataforma Stop Eólicos.
Obras do parque eólico de Paradela. Foto: plataforma Stop Eólicos.
A oposición veciñal aos parques eólicos de Enel Green Power/Endesa en Paradela vén de dar un paso adiante: constitúe a plataforma Stop Eólicos co obxectivo de impedir a instalación de 27 aeroxeradores de gran porte nunha “na que ata o de agora era unha das paisaxes máis privilexiadas de Galiza”.

Segundo a plataforma, “a empresa máis contaminante do Estado segundo os datos do Ministerio de Medio Ambiente e o último informe do Observatorio da Sostibilidade” obvia “os inasumíbeis impactos do parque eólico”. “Chama tamén a atención que Endesa fale das miles de familias que poden abastecer estes parques eólicos cando esas mesmas familias están a pagar a factura eléctrica máis cara do Estado”, engade.

Tampouco a presunta creación de emprego convence a veciñanza mobilizada en Stop Eólicos. “O traballo ten un carácter precario e subcontratado”, denuncia, “e só terá vixencia durante a fase de instalación dos parques eólicos, porque o seu mantemento apenas require man de obra”.

Pola contra, considera, “Endesa non fala do emprego que destruirá” en sectores como o turístico ou o gandeiro. “Na práctica, a instalación dos aeroxeradores implica unha serie de infraestuturas de evaluación eléctrica de media e alta tensión que atravesarán o territorio, convertido este de facto en solo industrial”, apunta.

Stop Eólicos lembra que Paradela atópase entre o Camiño de Santiago, recoñecido pola Unesco como Patrimonio da Humanidade, e a Ribeira Sacra, que aspira é mesma distinción. “Poderían ser afectados negativamente. Moito beneficio para uns poucos investidores e, porén, gran prexuízo para unha maioría social”, conclúen.

A plataforma critica ademais a responsabilidade da Xunta e entende que “urxe un novo plan sectorial eólico que respecte as paisaxes singulares de Galiza”. “As esixencias da Consellaría de Medio Ambiente convértense en papel mollado mentre pouco a pouco o territorio esmorece, igual que o futuro do rural galego”, lamenta.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/paradela-organizase-endesa-plataforma-stop-eolicos/20190811120138083015.html


© 2019 Sermos Galiza