Imprimir

Queres ter un pasaporte galego?

A.Mera | 09 de xullo de 2019

Imaxe do pasaporte
Imaxe do pasaporte

Vía Galega lanza a edición dun pasaporte galego personalizado para celebrar o Día da Patria Galega. Para facerse con el cómpre asinar o manifesto desta plataforma social pola defensa dos dereitos nacionais da Galiza e poderase recoller no posto que Vía Galega terá no Festigal o 25 de xullo.

Con motivo do Día da Patria Galega a plataforma social pola defensa dos dereitos nacionais da Galiza Vía Galega editará un pasaporte galego co que reivindicar a cidadanía dunha nación soberana.

Aquelas persoas que asinaran a través da web ou fisicamente o manifesto lanzado pola plataforma Vía Galega e titulado ‘Somos unha nación. Temos dereitos. Fagamos ouvir a nosa voz’ poderán recoller o seu pasaporte no posto do Festigal o 25 de xullo, segundo sinala Suso Seixo, coportavoz da platafoma, a Sermos Galiza.

Así mesmo, a realización do pasaporte tamén poderá ser in situ para aquelas que desexen asinar o manifesto no posto que a entidade terá no Festigal, que é a festa musical e política que organizan con motivo do Día da Patria Galiza Nova, a Fundación Galiza Sempre e a Comisión Festigal, e que ten lugar no campus Vida de Compostela.

O pasaporte está personalizado, pois ademais de contar coa numeración correspondente coa sinatura do manifesto, terá unha fotografía carné. A capa levará o deseño da Serea de Castelao mentres que a contraportada conterá a letra do Himno Galego.

Outras actividades que a entidade desenvolve con motivo do 25 de xullo é a edición dun segundo boletín onde se analizará a situación política xeral e da Galiza. Tamén tratará o empobrecemento, a problemática da precariedade e falta de oportunidades laborais relacionadas coa dependencia que empurra o pobo galego á emigración. Así mesmo o novo boletín achegará a incidencia da Xeración Nós e conterá un outro artigo sobre a carta de dereitos do pobo galego.

Durante o desenvolvemento do Festigal, o 25 de xullo ás 18 horas, terá lugar unha palestra organizada pola plataforma e que versará sobre a construción nacional desde a perspectiva dos movementos sociais coa participación de Paulo Carril, secretario xeral da CIG, que achegará unha perspectiva desde o sindicalismo nacionalista; Ximena González do movemento feminista, Virxina Rodríguez, como presidenta de Adega, achegará unha visión desde o movemento ecoloxista e participará máis unha persoa representante dos centros sociais, o movemento cultural e de defensa da lingua.

A campaña marco en que Vía Galega realiza estas actividades leva por lema “Galiza Nación. Autodeterminación” cunha imaxe gráfica contén a serea deseñada por Castelao e empregarase en cartelaría e pasquíns que se distribuirán ao longo da nación.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/pasaporte-galego-cidadania-independente/20190709130317081685.html


© 2019 Sermos Galiza