Imprimir

“Patronal culpábel, Xunta responsábel”: a loita das ambulancias atrona en Compostela

Redacción | 21 de febreiro de 2019

Centos de traballadores e traballadoras maniféstanse na capital en demanda dun convenio digno e para denunciar a precarización dun sector no que en Galiza traballan 1.500 persoas.

O sector das ambulancias – 1.500 traballadores e traballadoras en Galiza- leva meses de loita e mobilizacións na defensa dos seus dereitos laborais. A ruptura da negociación dun novo convenio (que substitúa o que leva tres anos acaducado) após a decisión da patronal de recortalo en 10% volveu sacar operarios e operarias á rúa, protagonizando unha greve que pode convertirse en indefinida a principios de marzo.

 

Centos de traballadoras e traballadores do sector de ambulancias percorreron esta cuarta feira as rúas de Compostela en demanda dun convenio digno e un servizo público e de calidade. Entre tambores, bucinas, petardos e botes de fume de cores as e os manifestantes avanzaron polas rúas da capital coreando consignas como “Ambulancias solución”, “Ambulancias en loita por un convenio digno”, “Feixooo escoita, ambulancias en loita” ou “Patronal culpábel, Xunta responsábel”


A mobilización rematou diante do edificio administrativo da Xunta, onde os representantes das centrais sindicais convocantes reiteraron as demandas do sector e, novamente, acusaron tanto á administración como á patronal de ser os causantes tanto da situación que padecen como da convocatoria de folga.

 

Como teñen denunciado unha e outra vez, a orixe do conflito foi un concurso dotado á baixa pola propia consellaría de Sanidade, no que se levaron a concesión empresas-fondos de investimento, como Ambuibérica, que presentaron propostas aínda máis á baixa que inviabilizaban manter o servizo e pagar ao persoal.

 

Desde aquela sucedéronse os intentos de descolgue do convenio, de rebaixas salariais, un progresivo deterioro tanto das condicións laborais como dos propios vehículos, ademais de incumprimentos dos compromisos recollidos nas plicas do concurso. Isto, xunto coa reiterada negativa a negociar un novo convenio que deixou os salarios do persoal conxelados desde o ano 2015.

 

Incidencias

 

Fontes da patronal indican que nesta pasada noite foron sabotadas 9 ambulancias que apareceron coas rodas pinchadas, no marco da greve que desenvolve o persoal do sector.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/traballo/patronal-culpabel-xunta-responsabel-loita-das-ambulancias-atrona-compostela/20190221092838076316.html


© 2019 Sermos Galiza