Imprimir

“A película non é de aventuras, é un documentario fiel sobre quen foi Reboiras”

F. Carou | 12 de agosto de 2019

[Imaxe: SG] Alberte Mera
[Imaxe: SG] Alberte Mera

Alberte Mera (Vigo, 1987) é o director de Reboiras. Acción e corazón, o filme producido pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas que levará á pantalla a vida de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política. Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, Mera é o director das curtas Camiño da Memoria (2011) e Deixádeas Pasar (2012) e das longas Clamor da Terra (2012) e Lume Novo (2013). Aproveitamos este 12 de agosto -cando se fan 44 anos do asasinato de Reboiras- para publicar a entrevista co director da película, que saíu no semanario en papel Sermos Galiza número 358.

m_6_AlberteMeraA Fundación Terra e Tempo produce este filme. Alén desta entidade, existen máis apoios?

Como Reboiras. Acción e corazón nace coa vocación de ser un filme que achegue a vida e a memoria de Moncho Reboiras a amplísimos sectores da sociedade galega faise fundamental realizarmos unha obra de alta calidade a nivel técnico e creativo. Para conseguir estes obxectivos é tamén fundamental tecer unha rede de apoios e conformar un equipo profesional. Estes criterios estanse xa a cumprir, a comezar pola propia entidade que produce o filme. A Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas é recoñecida polo seu traballo, iniciativas e edición de materiais en moi diversos soportes que son claves para comprender a realidade galega en múltiples planos, como o científico, o social e o cultural. A produtora xa é sinal da solvencia e interese do proxecto.

Alén dela, logramos tamén unha rede de apoios ao redor dos distintos aspectos que reúne o filme. Así, no que ten a ver co financiamento, estamos a conseguir moitas colaboradoras e colaboradores que están a sumarse coa súa doazón a este proxecto, a través da campaña de micromecenado que puxemos en marcha na plataforma Goteo e que nos está permitindo reunir 20.000 euros para facer fronte aos gastos imprescindíbeis. Ademais dos recursos que obteñamos por esta vía, o proxecto conta tamén cunha axuda da Deputación da Coruña, outorgada en concorrencia competitiva e que financia unha parte dos gastos.

O documentario terá escenas ficcionadas e para levalas a cabo contamos na dirección de produción con Xosé Lois Ledo e Nós Produtora Cinematográfica Galega, nomes referenciais no audiovisual galego. Por suposto, tamén contamos coa Fundación Moncho Reboiras en aspectos tan importantes como a recompilación de materiais ou o asesoramento histórico. De feito, para esta tarefa temos o orgullo de poder ter connosco dúas persoas excepcionais na Galiza pola súa obra e estudo, como son os profesores e investigadores Uxío Breogán Diéguez Cequiel e Xoán Carlos Garrrido.

Aprensentan o filme como un documentario, con algunhas partes de ficción, é esta a combinación que precisa unha película sobre Reboiras?

O filme será unha longametraxe documental e, efectivamente, incluirá secuencias ficcionadas que recrearán episodios claves na vida de Moncho Reboiras. Ambas as dúas partes son fundamentais para poder construír un retrato fiel deste loitador galego. Sen facer spoilers, é evidente que os sucesos acontecidos na madrugada 12 de agosto de 1975 serán un dos momentos a recrear na ficción. Mais temos moi claro que toda recreación estará axustada ao relato das testemuñas que viviron esa realidade e/ou a investigaron. Non imos cambiar os feitos para acadar maior tensión ou emoción, porque ademais estamos ante as vivencias dunha persoa que fan tremer o corpo por si mesmos, non precisan nin de edulcorantes nin de aventuras.

Haberá pois tres grandes partes entrelazadas neste documentario: entrevistas a máis dunha quincena de testemuñas que coñeceron persoalmente Reboiras e que partillaron con el momentos da súa vida e/ou do seu traballo militante, a ficción que recreará momentos de importancia na vida de Moncho e material de arquivo.

En que fase se atopan agora?

Agora mesmo estamos fechando o calendario de rodaxe e, por tanto, a piques de iniciarmos as filmacións das entrevistas ás testemuñas. As entrevistas realizaranse durante os meses de agosto e setembro e a ficción rodarémola en outubro. Após ese período afrontaremos a edición e posteriormente a posprodución de audio. Para esta tarefa contaremos cun dos grandes do son na Galiza, Marcos Paino e, xa por último, a etalonaxe será realidade grazas ao traballo da cooperativa Numax, cuxo nome é sinónimo de coidado, calidade e querenza polo audiovisual e o cinema.

Até o de agora estivemos realizando os traballos de documentación, investigación e de elaboración do guión así como de organización de todas as tarefas que implica este proxecto. Tamén co lanzamento da campaña do micocromencenado. En todos estes eidos foi e é fundamental o labor de Roberto Vilameá, presidente da Fundación Terra e Tempo e produtor executivo deste filme.

Agora tamén estamos traballando nunha completa campaña de comunicación para dar proxección ao filme e tecer apoios en prol da campaña de micromecenado, para a que contamos coa xornalista cultural Paula Cermeño, e alegrounos moito contar con outros profesionais neste campo como o deseñador web reboiras.gal Daniel Chaves. Por certo, nesta páxina informamos do filme, o seu tratamento, obxectivos e partillamos materiais de interese. Tamén contamos coa deseñadora Patricia Cid e co artista gráfico Pablo Prado, que creou a ilustración de Reboiras que empregamos cando lanzamos a campaña de micromecenado.

Cando arrincarán as gravacións?

Arrincarán en cuestión de días, pois xa contamos co equipo de rodaxe profesional e con todos os medios técnicos precisos. Ademais de Marcos Paino, na rodaxe tamén teremos profesionais con ampla experiencia na rodaxe de documentarios e outros xéneros como o director de fotografía José Aragunde e profesionais máis novas pero con grande valía xa amosada, como Irene Pin, a nosa coordinadora de produción.

Tense falado da existencia de gravacións en que sae Reboiras no Portugal pos Revolución de Abril, o proceso de documentación implicará a busca destas imaxes? De que outros recursos van tirar para cubrir o contexto?

Reboiras foi entrevistado en Porto na televisión uns meses antes de ser asasinado. Estamos acoutando a busca dese arquivo en colaboración con xornalistas de Portugal. Sería impresionante resgatar esa gravación e poder ver e ouvir Moncho.

A Fundación Terra e Tempo ten un patrimonio de inmenso valor constituído por materiais gráficos, fondos documentais e audiovisuais da etapa. Deles e doutros materiais de entidades colaboradoras e que tamén continuemos a descubrir durante a rodaxe servirémonos para recrear o contexto.

Quen son as testemuñas que falarán sobre a vida de Reboiras?

Unha das primeiras gravación será a de Elvira Souto e a de Lois Ríos, dúas persoas que partillaron militancia con Reboiras e que ademais viviron con el os acontecementos do 12 de agosto. Os tres atopábanse no mesmo piso de Ferrol cando albiscaron a chegada da policía franquista ao piso franco onde se atopaban. Será unha entrevista conxunta que, ademais de poderse visualizar no documentario, será clave para podermos revivir na ficción os sucesos deste tráxico día seguindo o seu relato.

Tamén gravaremos outras persoas moi achegadas a Moncho, familiares e compañeiras e compañeiros de traballo político nas distintas frontes de actuación do nacionalismo e nas que Reboiras foi alicerce fundamental para a súa organización e impulso, como a fronte cultural, a sindical e a política.

Que escenarios visitarán na rodaxe?

O espazos tomarán moita importancia, porque tanto o tempo como o espazo falan e neste caso hai elementos cargados de enorme simbolismo como é a rúa da Terra de Ferrol en que asasinaron Reboiras, mais tamén a parroquia natal de Imo, onde o seu corpo repousa, ou a escola de Peritos en Vigo e o barrio vigués de Teis, onde viviu e comezou a súa inquedanza política.

Por que cre que até o de agora os intentos de facer un filme sobre Reboiras non fructificaron e o seu irá adiante?

En 2008 anunciouse un proxecto de telefilme sobre Moncho Reboiras producido por unha grande empresa de comunicación, mais non viu a luz, supoño que debido ao estoupido da crise que tanto afectou e precarizou o sector audiovisual e tamén debido a que a figura de Reboiras non tiña nada a ver coa liña desta empresa, así que deberon de comezar a recortar gastos por aí. Non me constan máis intentos de levar Reboiras á pantalla.

Mais agora si estamos ante un proxecto que verá a luz, e farao en 2020 por varios motivos. En primeiro lugar porque a Fundación Terra e Tempo e eu mesmo como director do filme entendemos que un país precisa coñecer a súa historia, e máis cando falamos dunha persoa que loitou até o final da súa vida por defender uns ideais necesarios para existirmos como pobo galego e para vivirmos con xustiza social e en liberdade. Outro dos motivos é que contamos cun equipo profesional de ampla experiencia, como xa comentei e, porque estamos a recibir moita simpatía e ánimos por parte de moita xente interesada en ver o filme, e iso dá moitos folgos para seguir adiante.

A traxectoria de Reboiras é polémica porque hai sectores que a asocian á violencia. Que lectura fai desta visión?

O documentario que imos realizar vai reconstruír a vida de Reboiras en base ás testemuñas das persoas que o coñeceron de primeira man. A coincidencia entre elas é clara ao remarcalo como un cadro destacado da UPG dedicado a organizar, organizar e organizar o pobo galego nas frontes de actuación do nacionalismo galego. É dicir, o centro do pensamento e da acción de Reboiras era organizar xente en movementos con vocación de masas de cara a tombar o réxime e poñer os cimentos para unha Galiza ceibe e popular. Reboiras foi unha persoa ademais con enorme interese pola formación e pola cultura e soubo tamén o que é vivir na clandestinidade para poder continuar o traballo político. El coñecía a ferocidade do réxime mais non se acovardou e seguiu a organizar máis pobo e máis nacionalismo e levou adiante accións destinadas á consecución de recursos económicos para poder sufragar o traballo político. Esta película non é de aventuras, é un documentario fiel en todos os aspectos sobre quen foi Reboiras.

Considera necesario construír un mito sobre Reboiras?

Todas as nacións teñen os seus mitos, mais eu non son quen para dicir se Reboiras é un mito ou non. O que si sei é que non é necesario construír heroísmo arredor de Reboiras. O que fai falla é divulgalo.

No seu día, falárase de levar ao cinema a vida de Pardo de Cela, mais nunca chegou a callar o proxecto. A que cre que se debe a falta de filmes sobre a historia galega?

É evidente que non vivimos nun país normal. Vimos moitos filmes sobre heroes que deron a súa vida por defender ideais de liberdade fronte os imperios, como os títulos No nome do fillo e Michael Collins da miña infancia, a outros filmes máis actuais como o do antifranquista asasinado tamén pola ditadura Puig Antich ou sobre as Trece Rosas. Todos eles moi necesarios e dunha calidade óptima. Porén, son poucos os filmes concluídos sobre a nosa historia e aquelas obras que si viron a luz atoparon as portas fechadas dos grandes espazos de exhibición comercial. Algo no que a Xunta de Galiza debería implicarse. O cinema, a cultura e a memoria galegas hai que protexelas e mimalas desde os poderes públicos, non se pode tratar o audiovisual e a divulgación da nosa historia como un produto empresarial que teña que ser rendíbel economicamente.

Realmente os filmes documentais teñen sentido cando as persoas espectadoras tenden máis cara ao consumo da ficción?

Penso que o documentario si ten interese, do mesmo xeito que o teñen as longametraxes, a pesar do paradoxo de que a inmensa maioría da xente consuma audiovisuais de 40 segundos nas redes sociais. É distinto enfrontarte a un filme, sentar nunha cadeira, mellor se é nun cinema, e abrir os sentidos. Son soportes diferentes e xeitos de ver distintos que non están rifados, só precisan ter disposición e dedicar tempo dunha outra maneira.

Teñen marcado en 20.000 o obxectivo da recadación do filme e iniciaron unha campaña de micromecenado. Realmente, pode afrontarse unha película como esta con esa cifra? Como se pode colaborar?

É unha cifra moi pequena, mais non podemos agardar 45 anos máis para dar a coñecer Reboiras entre as novas xeracións e outros sectores da sociedade galega. Iremos adiante co que logremos, mais é moi importante para facelo posíbel que a campaña de micromecenado chegue aos 20.000 euros. A forma de participar é a través da web https://gl.goteo.org/project/reboiras-accion-e-corazon. Nela atópanse distintas cantidades a escoller para realizar a doazón, e cada unha delas conta cunha serie de obsequios cos que queremos agradecer a colaboración de cada persoa que realice a súa achega económica. Ademais as doazóns desgravan na declaración da renda ao realizala a través desta plataforma de crowdfunding. Agardamos que a campaña sexa todo un éxito.

 

[A entrevista publicouse no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/pelicula-non-aventuras-documentario-fiel-quen-foi-reboiras/20190807131007082869.html


© 2019 Sermos Galiza