Imprimir

Pepe da Casa Nova e Amancio das Casas Novas

Xoán Costa | 31 de xullo de 2015

Vaca de Pepe da Casa Nova
Vaca de Pepe da Casa Nova

Cando vexo na capa do Sermos 156 o caso dunha nena de 10 anos que non pode falar galego coa monitora das Casas Novas,  non sei se o pode facer co cabalo,  lémbrome de Pepe da Casa Nova, un home que leva oitenta e cinco anos pisando terra galega, con zocos e con botas. Sen cabalos.

Pepe da Casa Nova leva oitenta e cinco anos pisando terra galega, con zocos e con botas. 
E ás veces a pé descalzo. Non le Sermos Galiza nin lle compra nada a Amancio Ortega. É da Terra de Arzúa. Sementou trigo, millo e centeo. E fabas cando as pagaban ben. Plantou patacas para comer e para os fillos levaren, que tiveron que marchar, da Casa Nova deArzúa para As Casas Novas, agora na parroquia de Requián, en Betanzos. Sempre tivo vacas e becerros ben lustrosos que se vendían, os becerros, non falemos das becerras que ficaban para criaren,  despois dun trato en que ambas as partes se recoñecían perdedoras. 

"Na Galiza hai unhas 300 entidades de poboación denominadas Casa Nova e unhas 50 Casas Novas. En ningunha delas, nunca, falar galego foi un problema".

- O becerro vale moito máis, pero por ser para ti déixocho no falado , dicía o Pepe ao que respondía o tratante,
- Vai ben pago,  non vale tanto, perdo nel, mais por seres ti, vai no que acordamos.

Coñézoo ben e moito teño con el falado. E tamén teño fotos. E lembranzas. De Pepe da Casa Nova, non do tratante.

Na Galiza hai unhas 300 entidades de poboación denominadas Casa Nova (ou Casanova, como nos impuxo o nomenclátor español, se cadra por referencia a Giacomo Casanova, o italiano que renunciou á súa lingua para escribir a historia da súa vida en francés, por aquilo de que o francés tiña máis difusión. Textualmente: "J'ai écrit en français, et non pas en italien parce que la langue française est plus répandue que la mienne" O mesmo debeu pensar a monitora de Arteixo) e unhas 50 Casas Novas. Seguramente obedecen a fórmulas de ocupación do territorio diferentes, unha máis espontánea, outra máis programada. Mais tanto dá. En ningunha delas, nunca, falar galego foi un problema. Nin na Casa Nova nin nas Casas Novas.

Pepe da Casa Nova nunca tivo cabalos, como teñen agora, desde hai uns anos, nas terras que fican para alá do río, xa na outra parroquia, unhas xentes chegadas da parte das Rías Baixas e das que se din cousas. 

"Longa e dura batalla polo galego, nas Casas Novas ou na capa de Sermos".

O caso é que temos unha Casa Nova, a de Pepe, e moitos outros coma el, que non coñece Sermos Galiza, nin A Mesa, mais é peza transmisora, elo que nos une ao pasado e nos conecta co porvir. 
E temos logo as Casas Novas, as de Arteixo, as de Amancio, as da multinacional que nos enganou abrindo un Zara Home, que non era home. Seguramente tampouco coñecen Sermos Galiza e se cadra tampouco A Mesa ... ao mellor desde hoxe que estiveron alí, ás portas, a onde veñen montar a cabalo fadas e princesas, mais claro ... non poden falar galego. 

Longa e dura batalla polo galego, nas Casas Novas ou na capa de Sermos. Tanto dá. O caso é que é longa (centos de anos). É dura. Moi dura.

Mais non se asusten. O Sermos ten, para alén da capa, outras 31 páxinas con moito a ler. Con moitísimo. E se non poden ler nas Casas Novas lean na Casa Vella, topónimo ben presente tamén polo país adiante. Ou na Casavedra, outro topónimo, escaso,  que olla o pasado en que eramos nós, sen dependencias. Ou na Casa Soa. Onde quixeren.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/comunidade-sermos/pepe-da-casa-nova-amancio-das-casas-novas/20150730123427039613.html


© 2019 Sermos Galiza