Imprimir

“Persiste a idea do franquismo de que a periferia debe ser produtora de enerxía para outras zonas do Estado”

X.M.P. | 05 de febreiro de 2019

Economista, investigador na Universidade de Santiago de Compostela, Adrián Dios centra a súa tese de doutoramento na historia de Unión Fenosa e no marco regulatorio eléctrico. Máis de 400 páxinas nas que debulla a historia dunha das empresas galegas máis importantes e como acabou perdendo toda ligazón co país.

A tese doutoral de Adrián Dios supera as 400 páxinas. “Aos amigos que me preguntan se a poden ler xa lles digo que é mellor que lla resuma eu”, comenta rindo. Un traballo no que este economista, investigador na facultade de Económicas da USC tira do fío da historia de Unión Fenosa para, a través del, falar de enerxía, marco regulatorio ou desenvolvemento autocentrado.

 

- Como chegou unha empresa eléctrica tradicional nada en Galiza a ser engolida nunha transnacional de servizos como Naturgy?

- Fenosa e Unión Eléctrica fusiónanse en 1982 dando lugar a Unión Fenosa (UF). Ese proceso dáse porque ambas as dúas empresas estaban en quebra técnica, estaban condenadas a desaparecer. Fusiónanse para non ser absorbidas por unha empresa de gran tamaño ou para non ser intervidas polo goberno. Viven unha situación crítica nos primeiros anos 80. Pero entón o goberno de Felipe González fai unha regularización que busca favorecer o sector eléctrico privado. Hai un incremento na regulación eléctrica importante, unha transformación do sector importante pero é unha transformación pensada para que o sector eléctrico vivise. Foron reformas que tiveron éxito mais que non estaban pensadas para baixarlle a tarifa aos consumidores.

Así, ao longo desa década o saneamento da compañía é importante e nos anos 90 a situación pasa ser moi positiva para Unión Fenosa en varias dimensións: hai tipos de xuro baixos, marco tarifario favorábel, e moitos países liberalizan os seus mercados, como en América Latina, e as eléctricas españolas estaban nunha situación privilexiada para internacionalizar o seu negocio e facerse en países latinoamericanos con eléctricas públicas que se privatizan a prezo de saldo.

 

A nivel enerxético a gran pregunta é como ter un sector eléctrico pensado sobre as necesidades do territorio e non para as necesidades empresariais ou do resto do Estado

 

Unión Fenosa métese nesa ‘aventura americana’, ademais de noutros países como Kenia, Filipinas, Moldavia…; procurando mercados con moita rendibilidade. A estratexia de UF é curiosa: ao ser máis pequena que Endesa e Iberdrola vai a países máis pequenos onde non actúa en réxime de competencia, vai a facerse co mercado. Por exemplo, en Nicaragua era a única distribuidora. Unión Fenosa chegou ter tanto poder que houbo países nos que a regularización eléctrica para liberalizar o sector fíxoa ela. Os reguladores non tiñan capacidade para facelo e en vez de pedirllo a un organismo internacional ou mirar as experiencias doutros países foron ás empresas privadas a dicirlle que o fixeran. Podes imaxinar os resultados: terríbel desde o punto de vista social, un éxito desde o punto de vista empresarial.

 

- Desde ese punto, o desembarco en mercados internacionais, até acabar tragada por Gas Natural diluída en Naturgy que foi o que pasou?

- É unha historia bonita e tamén unha historia tráxica para o país (ri). Cando Fenosa se fusiona con Unión Eléctrica Galiza perde os resortes de poder mais é curioso que Fenosa, sendo a pequena das dúas empresas que se fusiona, foron os seus directivos os que se ‘colocaron’ na nova UF.

 

Unión Fenosa chegou ter tanto poder que houbo países nos que a regularización eléctrica para liberalizar o sector fíxoa ela

 

- E iso foi a que se debeu?

- O Banco Pastor estaba detrás de Fenosa e o Banco Urquijo da Unión Eléctrica. O Urquijo desapareceu pola crise económica e bancaria que había daquela e o Pastor non. Os galegos foron os que tomaron a cúpula da empresa en Madrid mais perdemos a capacidade de decisión desde Galiza.

Que pasa a partir de aí? O Pastor perde capacidade de incidencia na empresa e os accionistas xa non buscan ter unha empresa eléctrica de referencia, só lle interesa obter plusvalía e tanto lle ten de que empresa obtelas. Un punto de inflexión é a entrada como accionista maioritario do Banco de Santander en 2001 en UF. Aí faise evidente que Unión Fenosa non vai pervivir no tempo, a Botín non lle interesa ter unha empresa eléctrica senón accións de moitas empresas para que sexan rendíbeis.  En 2006 vende UF á construtora de Florentino Pérez, ACS. Florentino ten a mesma visión empresarial que Botín, só lle importa obter plusvalía, desde logo non que haxa un sector eléctrico galego autocentrado (ri).  En 2008 Florentino Pérez vende as súas participacións en Unión Fenosa para capitalizar as empresas que si lle interesaban fronte á crise que viña. Unión Fenosa foi, pois, como unha especie de moeda de cambio.

Finalmente chega un monstro como Gas Natural, con moito interese en participar no mercado eléctrico, e absorbe UF sen ningún tipo de oposición desde Galiza. As caixas galegas aínda tiñan presenza na eléctrica mais estaban xa en plena crise.

 

Un punto de inflexión é a entrada como accionista maioritario do Banco de Santander en Unión Fenosa. Aí faise evidente que UF non vai pervivir no tempo

 

- Hai consecuencias para Galiza desa, por dicilo así, perda de ‘galeguidade’ de Unión Fenosa? Cal?

- De entrada ten unha importancia fiscal, que o centro de decisión estea en Madrid implica que impostos e demais tributos vaian ser pagados alí, non acaban nas arcas galegas . Hai outras consecuencias a maiores: por exemplo, UF leva unha estratexia de diversificación importante ao longo dos anos 90 e moitas empresas que crea nesa diversificación créanse en Madrid. Se a sede estiver en Galiza crearíanse en boa medida aquí. E estamos falando de compañías en sectores moi tecnificados e con necesidade de forza de traballo, o que supón emprego. Tamén é unha perda a nivel estratéxico: con sede en Madrid e non aquí desaparece calquera idea que poida  parecerse a ter un sector enerxético galego autocentrado.

 

- Falas dun sector galego autocentrado. No escenario actual  iso semella que está cada día máis lonxe. Que pasos dar para empezar a camiñar cara lograr iso?

- A nivel enerxético a gran pregunta é como ter un sector eléctrico pensado sobre as necesidades do territorio e non para as necesidades empresariais ou do resto do Estado. O sector enerxético galego non ten moito a ver co español. En primeiro lugar hai a necesidade de ter competencias enerxéticas e exercelas. O concurso eólico que se desenvolveu durante o ‘bipartito’ é un exemplo de política autocentrada no enerxético.

Se as principais decisións en enerxía van ser cousa de Madrid non é boa noticia. Vamos seguir no papel subsidiario a nivel enerxético, que é onde se nos situou sempre. A idea que existe no Estado español desde o franquismo é que a periferia é a produtora de enerxía e que hai certos polos industriais que van ser os receptores. Por qué non existe unha tarifa eléctrica galega? Antes de 1953 existían as tarifas eléctricas rexionalizadas no Estado sen embargo o franquismo acabou con elas para potenciar espazos industriais moi determinados. Se nós, Galiza, producimos electricidade, porqué  non pagar menos por ela? Pois se cadra poderiamos xa daquela captar industria pesada. Citroën apostou por se instalar en Vigo entre outros factores porque aí non se daban os cortes de electricidade que si eran habituais noutras zonas do Estado. Tiñamos enerxía a subministrar. Unha vantaxe competitiva que o franquismo se encargou de abortar.

 

Antes de 1953 existían as tarifas eléctricas rexionalizadas no Estado sen embargo o franquismo acabou con elas para potenciar espazos industriais moi determinados.

 

- A reclamación dunha tarifa eléctrica galega colleu pulo nestes anos, tamén no debate político

- Lóxico. Nós producimos e apandamos coas externalidades, cos custos de contaminación, efectos en ríos, encoros, terreos vitivinícolas que non poden empregarse ao estar asolagados, etc… e a cambio non temos ningún tipo de retorno? Non pode ser. É o mundo ao revés.

 

- Outro debate que se puxo sobre a mesa ultimamente é o das medidas para as industrias electrointensivas …

Non podemos subordinar a política enerxética aos intereses das grandes empresas consumidoras de enerxía. Que pasa con Alcoa? Ameazan con despedir xente se non lle pos a tarifa que lle interesa? Non se pode permitir que unha empresa hipoteque a túa política enerxética e industrial. Facerlle unha política electrointensiva á carta para esas compañías non pode ser.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/persiste-idea-do-franquismo-periferia-debe-ser-produtora-enerxia-outras-zonas-do-estado/20190205141723075769.html


© 2019 Sermos Galiza