Imprimir

'Precarias pola Atención Primaria' rexeita o novo contrato de continuidade do Sergas

Redacción | 13 de Marzo de 2019

‘Precarias pola Atención Primaria’ entende que ese contrato pon en perigo o modelo asistencial actual. Instan a Xunta a convocar oposicións que garantan que se cubran as prazas vacantes das xubilacións e a creación de novas prazas.

 

Precarias pola Atención Primaria, que agrupa persoal médico eventual do Sergas, rexeita o contrato de “continuidade”, vixente dende o pasado 31 de xaneiro, que afecta tanto a médicos de familia como a pediatras de Atención Primaria. Considera que ese contrato perpetúa a precariedade e pon en perigo o modelo asistencial actual, que aposta en que cada paciente sexa sempre atendido polo mesmo profesional.

 

Entre as repercusións para o paciente destacan que obriga o médico a traballar en varios centros de saúde da área sanitaria, cubrindo por días a diferentes facultativos, e así durante varios anos. Iso tamén implica que para o médico eventual sexa imposíbel conciliar a vida familiar e laboral pola gran inestabilidade que supón non só o aumento da xornada, senón tamén o ter o 40% do horario do mes sen fixar. 

 

Advirten, ademais, que a aparición da figura de médico de área/pediatra de área supón a desaparición da actual figura do médico de familia, xa que se elimina un dos alicerces fundamentais da Atención Primaria: intentar que cada paciente sexa sempre atendido polo mesmo médico.

 

Instan a Xunta a convocar oposicións que garantan que se cubran as prazas vacantes das xubilacións e a creación de novas prazas, derivadas non só da masificación das cotas senón tamén da maior complexidade das probas diagnósticas, da maior demanda e do avellentamento da poboación.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/persoal-medico-atencion-primaria-rexeita-novo-contrato-continuidade-do-sergas/20190313162124077024.html


© 2019 Sermos Galiza