Imprimir

O persoal dos PAC convoca unha vixilia contra o deterioro do servizo

Redacción | 18 de maio de 2019

Protesta nun PAC de Vigo. Foto: cedida.
Protesta nun PAC de Vigo. Foto: cedida.

A sanidade pública revólvese contra as políticas da Xunta de Feixoo. O persoal dos PAC, agrupado na plataforma PAC en pé de guerra, convoca para este 20 de maio, segunda feira, unha vixilia en protesta contra o deterioro do servizo.
 

“Anos queimados pola sobrecarga asistencial e a perda dos dereitos laborais”, afirma a plataforma, que lembra os máis de 18 meses que as traballadoras e os traballadores dos puntos de atención continuada (PAC) do Sergas levan en loita contra os recortes. Súmanse á protesta todas as áreas sanitarias de Galiza.

 

cartaz PAC

Así, haberá concentracións na Coruña (Obelisco, 21.30 horas), en Pontevedra (no Concello, 21.00 horas), en Vigo, Ourense, Ferrol e Compostela (nos PAC, 21.30) e en Viveiro (no PAC, 20.30 horas).

 

Desde o 7 de xaneiro, o persoal sanitario dos PAC atópase en folga indefinidia, unha greve “invisíbel” debido ao 100% de servizos mínimos estabelecidos pola Xunta.

 

O movemento PAC en pé de guerra xurdiu en 2017 na zona de Vigo e estendeuse desde alí a toda Galiza. Sobrecarga asistencia, complementos de festivifade e nocturnidade conxelados desde 2010 e cómputos de xornada que penalizan períodos de incapacidade temporal e permisos retribuídos foron algúns dos motivos detrás dos inicios da protesta.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/persoal-pac-convocan-vixilia-deterioro-do-servizo/20190518162511079816.html


© 2019 Sermos Galiza