Imprimir

O Perú elixe presidenta entre Keiko Fujimori e Pedro Pablo Kuczynski

Flavia Carou | 05 de xuño de 2016

[Imaxe: RPP]
[Imaxe: RPP]

23 millóns de peruanos e peruanas están chamadas este domingo ás urnas na que será a segunda volta das eleccións presidenciais entre Keiko Fujimori, candidata da Fronte Popular e filla do ditador encarcerado Alberto Fujimori, e Pedro Pablo Kuczynski, candidato de Peruanos polo Cambio.

O Perú vive este domingo a segunda volta das eleccións presidenciais após ningún dos candidatos, nin Keiko Fujimori nin Pedro Pablo Kuczynski, acadase máis do 50% do apoio na primeira volta, que tivo lugar o 10 de abril. Até hai unha semana, as enquisas daban como gañadora Fujimori con até sete puntos da vantaxe, aínda que na véspera dos comicios as sondaxes apuntaban a un empate técnico.

Keiko Fujimori é filla de Alberto Fujimori, quen cumpre unha condena de 25 de cárcere por crimes de lesa humanidade cometidos durante os dez anos que gobernou o Perú (1990-2000). Malia contar co apoio da oligarquía que alimentou seu pai cando ostentaba a Presidencia, Keiko tratou de desligarse da figura de Alberto sen demasiado éxito. “Eu non son responsábel dos erros e delitos de terceiros. Eu son Keiko Fujimori, non Alberto Fujimori, son outra persoa”, apuntaba a candidata en declaracións a unha televisión local.

Os intentos da filla do ditador por se desvincular do seu pai non tiveron de todo os froitos que esperaba, pois entre a esquerda que tratou de exterminar Alberto Fujimori nos noventa rexurdiu nos últimos meses o movemento “Fujimori nunca máis”. O certo é que Keiko representa o grupo político denominado fujimorismo que controla Forza Popular, formación que ostenta a maioría no Congreso e conta coa Presidencia do órgano lexislativo, en mans doutro fillo de Alberto Fujimori, Kenji.

O fujimorismo acabou cos movementos Sendero Luminoso e co Movemento Revolucionario Tupac Amaru (MRTA) e ordenou a esterilización forzada de máis de 200.000 mulleres, indíxenas na súa maioría. Tamén se lle atribúen desaparicións e detencións.

Kuczynski, de orixe franco-polaco, é un empresario e ex banqueiro de Wall Street que carece de experiencia política. As analistas cualifícano como unha persoa sen carisma, aínda que tería gañado o voto do anti fujimorismo.

 

O resultado das eleccións, que comezan ás 8 hora local, coñeceranse após as 21 hora local.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/peru-elixe-presidenta-keiko-fujimori-pedro-pablo-kuczynski/20160605123818048365.html


© 2019 Sermos Galiza