Imprimir

Picaversos múdanse do pub á Universidade

Redacción | 25 de febreiro de 2014

.
.

Poesía ao vivo en espazos públicos, ao abeiro da noite e no encontro das distintas artes. Esa é a filosofía do ciclo poético coordinado por Olalla Cociña e Branca Novoneyra que, de maneira excepcional, organiza a súa nova sesión na Igrexa da Universidade. Son os “Picaversos Franceses”

A hora é tamén cando a noite xa está botada, por volta das 21 horas mais, singularmente, os Picaversos non terán lugar nesta terza feira 25 de febreiro no Pub Modus Vivendi, o seu espazo natural, senón que se mudan á Igrexa da Universidade. Alí terán lugar os Picaversos Franceses, dedicados desta volta, como indica o seu título, á poesía francesa de todos os tempos. 

A xornalista e actriz Comba Campoy, a cantante Coralie Yap-Chine e o lector da Escola de Idiomas Benjamin Panou -que presentará unha antoloxía de poetas e poemas traducidos ao galego e tamén en francés orixinal- participarán na velada poética canda Fran Cortegoso e Rosa Enríquez. 

O cambio de local explícase tamén xa que, neste caso, contan coa colaboración da USC e o evento está organizado co fin de promover a poesía entre o público universitario. 

Colarie Yap-Chine iniciará ás 18 horas un Taller de Lectura Sincronizada sobre un fragmento da “Cinquième promenade” das Rêveries d’un promeneur solitaire de J.J. Rousseau.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/picaversos-mudanse-do-pub-universidade/20140225135418024615.html


© 2019 Sermos Galiza