Imprimir

Plantacións de eucaliptos acaban con dúas necrópoles megalíticas

Redacción | 30 de maio de 2019

Pegadas da maquinaria pesada após pasar por onde había mámoas [Imaxe: Xabier Moure]
Pegadas da maquinaria pesada após pasar por onde había mámoas [Imaxe: Xabier Moure]

As operacións realizadas para a plantación de eucaliptos nos concellos de Pol e Meira arrasa con dúas necrópoles megalíticas. O Colectivo Patrimonio dos Ancares denuncia a destrución sistemática que nos últimos anos está a padecer o patrimonio prehistórico da Galiza.

A inmensa riqueza patrimonial prehistórica coa que Galiza conta está a ser arrasada pola especulación económica. As dúas últimas necrópoles megalíticas destruídas veñen de ser vítimas das manobras desenvolvidas nos concellos de Pol e Meira para a plantación de eucaliptos.

Atoparon macetas de plástico para 600 plantas de eucaliptos sobre os restos da mámoa danada

Entre esas dúas localidades atópase a necrópole da Acevreira, que con 5.000 anos de historia estaba formada por nove mámoas catalogadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Desas nove, catro veñen de ser enteiramente destruídas e outras dúas resultaron gravemente erosionadas “debido aos danos producidos pola maquinaria pesada que as atravesaron de lado a lado”, tal e como denuncia Xabier Moure desde o Colectivo Patrimonio dos Ancares. No portal Historia de Galiza, Moure relata como compoñentes do colectivo atoparon macetas de plástico para 600 plantas de eucaliptos sobre os restos da mámoa danada.

Tamén hai danos na necrópole coñecida como o Alto do Campeliño, situada no Monte do Foxo

En Pol, na parroquia de San Martín de Lúa e a 100 metros da necrópole de Acevreira, situábase a mámoa de Medorra de Aviega, catalogada tamén por Patrimonio e que foi arrasada recentemente por maquinaria pesada para plantar eucaliptos.

Mais no concello de Pol as desfeitas non ficaron na mámoa de Aviega, e segundo informa Xabier Moure tamén hai danos na necrópole coñecida como o Alto do Campeliño, situada no Monte do Foxo, na parroquia de San Martiño de Ferreiros, a 625 metros de altitude.

Nos últimos días foron esmagadas na súa totalidade por maquinaria pesada para plantar eucaliptos

Este ben catalogado por Patrimonio conservábase en xeral en bo estado, a pesar de dúas mámoas teren sido erosionadas hai anos polos traballos agrícolas. Mais nos últimos días foron esmagadas na súa totalidade por maquinaria pesada.

 

O Colectivo Patrimonio dos Ancares denunciará ante Patrimonio

Ante a desfeita nas necrópoles, o Colectivo Patrimonio dos Ancares presentará denuncia na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza para que “a maior urxencia visiten os sitios e incoen os correspondentes procedementos sancionadores”, xa que a lei galega de patrimonio cultural de 2016 considera a destrución dun ben arqueolóxico catalogado como falta grave e a multa pode chegar aos 150.000 euros.

Moure lembra que Galiza xa perdeu innumerábeis xacementos arqueolóxicos nos últimos anos e considera necesaria unha campaña da Xunta que advirta das consecuencias de agredir ou destruír bens .

Ademais recordan que os concellos de Galiza contan coa ferramenta informática Plan Básico Autonómico, que permite de maneira rápida e sinxela saber se nunha parcela determinada existe un xacemento catalogado, e alertan de que non é aconsellábel basearse unicamente nos PXOM xa que en moitos é máis que probábel que non recollan un bo número de xacementos catalogados nos últimos anos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/plantacions-eucaliptos-acaban-duas-necropoles-megaliticas/20190530110847080271.html


© 2019 Sermos Galiza