Imprimir

Podemos dispárase nun pé en Madrid a seis meses das eleccións

Redacción | 13 de novembro de 2018

Rita Maestre
Rita Maestre

Suspende de militancia Rita Maestre e os seus outros cinco edís no concello madrileño. As e os concelleiros non estaban de acordo cunha proposta de lista electoral que relegaba a dous deles a postos non de saída.

 

Podemos suspende temporalmente de militancia os seus seis concelleiros e concelleiras en Madrid após estes e estas decidisen non presentarse ás primarias do partido para as municipais de 2019 en desacordo coa confección da candidatura que lidera o ex XEMAD Julio Rodríguez. A desavinza ten como orixe que dous dos edís ían ir en postos baixos da lista sen opcións reais a escano.

 

A decisión afecta a portavoz do goberno, Rita Maestre, e os concelleiros  José Manuel Calvo, Jorge García Castaño, Marta Gómez, Esther Gómez e Francisco Pérez; e supón abrir unha crise interna a seis meses das elección municipais.

 

A decisión, que se filtrou aos medios antes de ter coñecemento dela as propias persoas afectadas, adoptouse a proposta do secretario xeral de Podemos Madrid, Julio Rodríguez.

 

A resolución, de carácter cautelar, podería virar en definitiva de teimar estes edís en facer parte da candidatura de Manuela Carmena para as municipais do ano que vén.

 

Carmena considera as e os concelleiros de Podemos agora suspendidos pezas chave no seu proxecto de goberno.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/podemos-disparase-nun-pe-madrid-meses-das-eleccions/20181113102602073634.html


© 2019 Sermos Galiza