Imprimir

Poio 2017, capital europea das embarcacións tradicionais

Redacción | 20 de xuño de 2016

Ducias de embarcacións de diferentes países daranse cita na XIII edición do Encontro galego de embarcacións tradicionais,cita que vai decorrerr no verán de 2017 mais comeza a prepararse desde xa.

A XIII edición do Encontro de embarcacións tradicionais de Galiza volve a Poio. Alí recalara no 2001 e alí volverá do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2017. Embora falta un ano, xa está activada a comisión organizadora, integrada por Concello, A Reiboa e a Federación galega pola cultura marítima e fluvial (Fgcmf). Cada un destes encontros supón reunir a ducias de embarcacións tradicionais de diferentes países de Europa, centos de tripulantes e milleiros de visitantes. As dúas últimas edicións decorreron en Cabo de Cruz (2015) e O Freixo (2013).

O Encontro consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego e doutros países. Así, barcos de Portugal, Euskal Herria, Bretaña, Irlanda, España ou Italia son habituais nestas citas. E todos coas súas correspondentes tripulacións

Aliás, nos encontros sempre hai  un completo programade actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía, e demáis. A mellor garantía de que milleiros de visitantes se acheguen até os encontros ano tras ano.

A celebración dos mesmos ten por finalidade principal "poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo. Por outra banda, os Encontros serven para amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, é ó mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para os cidadáns e visitantes da vila que acolle o Encontro".

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/comarcas/poio-2017-capital-europea-das-embarcacions-tradicionais/20160620183818048801.html


© 2019 Sermos Galiza