Imprimir

Pontevedra

Luís Bará | Deputado do BNG

Sermos Galiza | 26 de setembro de 2018

Vivimos nunha sociedade que santifica o vehículo privado, convertido en símbolo de liberdade, autonomía persoal e éxito social. Un poderoso lobby empresarial presiona para condicionar as políticas públicas, destinando grandes sumas de diñeiro a campañas de marketing e propaganda. E a tecnoloxía convértese en pretexto para amábeis mutacións: o vehículo automático, o híbrido, o eléctrico intentan seducir coas súas supostas bondades ecolóxicas.

 

O deseño da rede viaria e das cidades estivo durante décadas ao servizo da ditadura do automóbil. As estradas convencionais seguen aínda estando concebidas á medida do vehículo privado, en detrimento doutros usos sociais e doutras formas de mobilidade máis amábel. As estradas son espazos agresivos e hostís para as persoas que habitan as súas contornas, especialmente nas zonas urbanas e periurbanas. Son escenarios dunha violencia ameazante e intimidatoria, que contamina o ambiente con fumes e ruídos, que xera riscos e leva por diante vidas. Se cadra, expresións como violencia viaria expresan con máis precisión o que acontece cada día nas estradas. Mellor que termos neutros como seguridade ou sinistralidade viaria.

 

Para facer fronte a esta tendencia cómpre un cambio de paradigma. É necesario mudar a concepción da rede de estradas pensando máis nas persoas cá nos vehículos. Gañando espazos para outras formas de mobilidade máis amábel, como a peonil e a ciclista. Moderando o tráfico e reducindo a velocidade, mesmo con incómodas barreiras físicas.

 

A cidade de Pontevedra está na vangarda dunha nova maneira de entender os espazos urbanos. Unha concepción que vai moito máis alá do debate tópico sobre a peonalización de determinadas rúas dos centros históricos e comerciais, pola que levan apostado practicamente todas as cidades. 

 

A cidade de Pontevedra está na vangarda dunha nova maneira de entender os espazos urbanos

 

A esencia do modelo Pontevedra ten que ver co entendemento dos espazos públicos como lugares democráticos, escenarios da convivencia, da cohesión social e do dinamismo económico. Espazos públicos nos que ocupan o primeiro lugar as persoas, a colectividade, a accesibilidade universal, os dereitos da infancia, as formas de mobilidade amábel, saudábel e segura. Lugares habitados polas voces de crianzas e polos cantos dos paxaros. Espazos primordiais do benestar social e da equidade. 

 

Construír esa cidade amábel, acolledora, feminista, integradora, compacta, viva e dinámica foi unha obra colectiva, froito da clareza de ideas e da valentía política. Porque non se pode levar a cabo ningunha verdadeira transformación sen conflito, sen confrontación, sen resistencia, sen facer que o  interese colectivo prevaleza sobre supostos dereitos particulares. E o primeiro paso imprescindíbel foi sen dúbida romper coa tiranía do vehículo privado, reducir a súa presenza no espazo urbano e cambiar as prioridades para que as persoas fosen o primeiro.

 

Hoxendía Pontevedra é un modelo, un exemplo a seguir. Cidades de todo o mundo miran para a Boa Vila, estúdana, visítana e pretenden imitala. Intentan comprender a idea, o concepto, a realización práctica, a complexidade das solucións. A maxia dun lugar no que se respira harmonía, alegría, paz. 

 

Parabéns, señor Lores, por gobernar a Feli-Cidade.


 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/luis-bara/pontevedra/20180926094146072339.html


© 2019 Sermos Galiza