Imprimir

Pontón advirte a Feixoo que a “propaganda” non vai solucionar a crise demográfica

Redacción | 01 de xullo de 2019

A portavoz nacional insta o presidente a unha “mudanza de prisma” na que a creación de emprego e a política social sexan alicerces para reverter a perda de poboación.

As medidas anunciadas pola Xunta para combater a crise demográfica non convencen o BNG, que as considera “unha nova entrega de propaganda”. A perda de poboación e a queda en nacementos non se vai reverter aplicando políticas ‘natalistas’ sen máis, consideran as e os nacionalistas. “A situación de colapso demográfico retrata o fracaso das políticas do PP nos últimos anos incluído o decenio negro de Feixóo, que responde a esta crise cunha fuxida cara adiante na que só achega propaganda como a anunciada Lei de impulso demográfico, puro parche propagandístico que non ten ningunha medida nova e que na práctica non é máis que un remix de medidas natalistas fracasadas”, dixo Ana Pontón, portavoz do BNG.

Pontón contrapuxo medidas como o cheque-bebé ou as caixas de benvida con actuacións como a lanzada polo Goberno luso de fomentar con 6.500 euros a volta da xente moza que colleu as maletas. O Bloque considera fulcral “un cambio de prisma” nunha dobre liña: intervención directa na economía para xerar emprego estábel e de calidade e, ao tempo, unha política social integral que facilite a vida laboral e familiar.

Alcoa

Pontón tamén expresou “a máxima preocupación” pola situación de Acoa. “Son 400 familias pendentes dun fío ante unha Xunta e un Goberno central que non estiveron á altura”, indicou en rolda de prensa, “e o que vimos esta fin de semana fala da incompetencia política de ambos””.

De naufragar a venda a Parter, o BNG pide a Xunta e Estado a intervención pública da factoría. Unha medida que, segundo un estudo da UDC, sería legal e viábel.

Adianto electoral

En relación á conformación do futuro goberno do Estado, e a preguntas dos medios, Pontón puxo o foco no feito de que “Galiza estea desaparecida” dun debate sobre a gobernabilidade do Estado que dura semanas, o que reflexe “unha irrelevancia política como país que ten graves consecuencias”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/ponton-advirte-feixoo-propaganda-non-vai-solucionar-crise-demografica/20190701135833081438.html


© 2019 Sermos Galiza