Imprimir

“Porque me (re)peta”, un movemento á procura de espazos de lecer en galego

Erik Dobaño | 05 de setembro de 2019

Ilustración no blog do grupo de Ourense.
Ilustración no blog do grupo de Ourense.
Varios grupos de nais e pais, primeiro en Ourense, despois nas áreas de Vigo e Pontevedra, organizan quedadas, excursións ou acampadas para que as crianzas se encontren con outras crianzas galegofalantes.

As crianzas de Tania mudan de colexio este outono. A maior, para quen foran buscando unha escola que conservase o galego como lingua de socialización, deixará o centro unitario de Vilaboa (Pontevedra), a vinte e cinco minutos da casa, para acudir ao de Cesantes, máis perto. O pequeno empeza este curso. A familia, que vive en Redondela, loita para que as pequenas non perdan o galego, que o sigan falando na casa e fóra da casa. Nos centros educativos do rural aínda atopan esas condicións. Por iso as mudanzas. 

O galego ten unha vida difícil fóra da casa. “Gañamos as aulas, pero perdemos os patios… que dicían os cataláns. Pois é algo así. En canto os cativos galegofalantes se escolarizan mudan a lingua e o normal é que o galego desapareza mesmo na casa. Pasa nas cidades e pasa no rural”, constata Rebeca, que vive en Vigo, ten dous fillos, de 10 e 7 anos, e optou por afastalos o máis posíbel do consumo de produtos audiovisuais “porque case non hai audiovisuais en galego para as crianzas, tes que utilizar cousas en portugués, que polo menos…”. Os seus falan castelán na escola e na casa seguen co galego. “Penso que a transmisión está feita, si. Non os vexo acariñando ou rifándolles os fillos en castelán. Non se me ocorre que poidan perder o galego cando menos nese ámbito”.

“As institucións non garanten unha educación en galego. Non é fácil atopala máis alá das Sementes. Eu levo moito tempo traballando na normalización lingüística, mais agora teño un bebé e buscaba espazos onde as nenas e nenos galegofalantes poidan socializar con outras nenas e nenos galegofalantes”, conta Elsa a Sermos Galiza, que este sábado participará nunha quedada dun incipiente movemento de nais e pais á procura de espazos onde as crianzas xoguen e socialicen en galego fóra da casa, das aulas e mesmo dos patios.

O movemento, incipiente, espállase baixo un slogan: Porque me (re)peta. Despois de varios encontros, acampadas e quedadas, este sábado en Teis, no parque da Riouxa, a cita (17.00 horas) debería servir para avanzar en ideas que reforcen os vínculos.

“Foi un colectivo de Ourense, os Porque me peta… e nós engadímoslle énfase aos versos do poeta… foron elas as que levaban un tempo facendo estas cousas. E o ano pasado fomos a unha acampada en Covelo, en Pontevedra. Había xente da área de Vigo, de Pontevedra… Vimos o que facían e animámonos. Seremos unhas cincuenta ou sesenta familias nun grupo de WhatsApp”, explica Rebeca. Este verán repetiron a experiencia en Ponte de Lima. “Aquí en Redondela non hai un grupo de xente suficiente con esta situación, as miñas crianzas son as únicas que falan galego no parque. Temos que renunciar a compartir eses momentos con algúns amigos, pero imos atopando outros. O caso é ter xente perto para que o grupo funcione”, di Tania.

A pregunta un día é: “Quen vai a praia hoxe?”. Outras veces hai quedadas organizadas para ir ao parque, visitar un museo, facer unha excursión. “Hai pouco fomos a Campo Lameiro”, lembra Tania, “non somos sempre as mesmas. A verdade é que compartimos preocupacións. Temos dificultades para atopar audiovisuais, mais tamén contos, e refírome a contos que empoderen ás crianzas, que lles expliquen o valor que teñen elas como transmisoras da lingua, que mellore a súa autoestima”. Na Riouxa este sábado empezarán debatendo as posibilidades de dar cun parque infantil que lles vaia ben a todas e plantar nese parque outra semente. 

“É difícil explicarlle a unha nena que fala galego na casa por que estando na Galiza é tan difícil atopar nenas que, coma ela, falen galego”, din. “Veremos que facemos e se conseguimos que por todo o país outras familias se animen e cren grupos coma este”. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/porque-re-peta-xorde-movemento-procura-espazos-lecer-galego/20190904204244083739.html


© 2019 Sermos Galiza