Imprimir

Portugal, governo en disputa

Manuel Mera | Director da Fundación Moncho Reboiras. Foi presidente da CIG.

Sermos Galiza | 24 de abril de 2018

A socialdemocracia europea viu en Tsipras, primeiro, e en António Costa, despois, exemplos de governos que podían xerar emprego, mellorar as condicións laborais e os servizos públicos. Esta  postura non era unha tendencia que terminase en ruptura co capitalismo, só pretendía facelo menos malo. Non se pode ignorar que nas últimas décadas a socialdemocracia, mesmo aqueles sectores que se gababan por apostar pola redistribución dos ingresos, acentuaron a súa deriva político-ideolóxica. Por exemplo, abrazando na década dos oitenta a estratexia de pacto social de Felipe González e ao pouco tempo, as propostas da “terceira vía” de Tony Blair e Schröder. E mais recentemente Tsipras, que a nova esquerda “rupturista” apoiou e gabou, pronto foi vítima da inconsistencia dos seus postulados, e terminou aceptando no fundamental as medidas dun duro axuste económico e social que lle esixía a Troika, e que deu pulo á pobreza e á emigración. 

 

Na procura de novos espellismos cos que encher o baleiro ideolóxico e a capacidade de atracción dunha base desilusionada, Tsipras foi substituído nos últimos anos como referente, polo portugués António Costa. Tiña o mérito de, malia aumentar o gasto público, ter conseguido non sacrificar o crecemento, contra o que auguraban os sectores máis conservadores. Esquecían os seus apoloxistas que estas medidas redistributivas e contra a pobreza foran esixidas polo Partido Comunista e o Bloco de Esquerda, como condición para lle dar os votos necesarios para a súa investidura como Primeiro Ministro do País. Dirase que, aínda así, había vontade no Partido Socialista de virar á esquerda e facer súas estas reivindicacións. Vexamos ate que punto é acertada esta valoración tan positiva, que implicaría un cambio de tendencia en relación coas últimas décadas.

 

Esquecían os seus apoloxistas que estas medidas redistributivas e contra a pobreza foran esixidas polo Partido Comunista e o Bloco de Esquerda

 

O economista portugués Eugénio Rosa, que escribe acotío na web Resistir.Info, realiza unha valoración sobre os compromisos a respecto do déficit orzamental  do programa de Estabilidade 2018-2020, que presentou o governo portugués no Parlamento, por esixencia da Unión Europea. Outro tanto fixera o governo de Rajoy para o período 2017-2020. Rosa destaca que este programa implica para Portugal unha redución do gasto social e dos salarios dos funcionarios públicos da orde de 12.050 millóns, nos vindeiros cinco anos. A finalidade sería diminuír o déficit orzamentario, que en 2017 estaba en -1,4%, e convertelo no ano 2022 nun superávit do 1,3%. No concreto, significaría unha rebaixa de 6.851 millóns de euros en salarios, o que implicaría unha perda do 12% nos ingresos; e outros 5.199 millóns euros menos en servizos públicos (saúde, ensino, etc.). Rosa considera que estas propostas “poderán agravar aínda máis o atraso do país e as desigualdades internas”.

 

A resposta contraria a este Programa de Estabilidade, que se axusta á directrices de Bruxelas, foi inmediata por parte das forzas sindicais e políticas de esquerda. A CGTP-IN destaca sobre o tema: “O Programa de Estabilidade 2018-2022 (PE), ontem apresentado pelo Governo, baseia-se numa estratégia orçamental que se traduzirá em imensos custos para o futuro económico e social do país. Haverá consequências muito pesadas em termos de investimento público, que é sacrificado, de serviços públicos (saúde, protecão social, transportes colectivos, educação, cultura e outros), das remunerações dos funcionários públicos e do Sector Empresarial do Estado que, de acordo com o Programa Nacional de Reformas, também recentemente apresentado, prevê a continuação da redução (“ajustamento”) dos quadros de pessoal (…) A CGTP-IN salienta ainda que as projecções macroeconómicas apresentadas prevêm um aumento dos salários reais que, em regra, são inferiores ao crescimento da produtividade, o que aponta para a manutenção duma tendência de declínio da parte dos salários na distribuição nacional, o que se considera igualmente inaceitável”.

 

A resposta contraria a este Programa de Estabilidade, que se axusta á directrices de Bruxelas, foi inmediata por parte das forzas sindicais e políticas de esquerda

 

Pola súa banda, o Partido Comunista dedica o seu editorial no Avante a este tema, reafirmando que non ollará para outro lado a respecto da loita comprometida, salientando sobre o Programa de Estabilidade: “Neles estão inscritas opções, nomeadamente em relação à dívida e ao défice, que a concretizarem-se, travariam a necessária resposta que é preciso dar no plano do serviço nacional de saúde, da educação, da segurança social, da cultura, dos transportes públicos, da contratação de pessoal, do investimento nas infra-estruturas, do apoio à produção nacional, do aumento dos salários e pensões. É uma opção que revela a incompatibilidade entre a defesa dos interesses nacionais e as imposições da UE”. O PC “continuará a sua acção pela defesa, reposição e conquista de direitos. E, tal como aconteceu com o aumento das pensões, em que a luta dos pensionistas e a intervenção do PCP foram decisivos para superar resistências do PS (acompanhado pelo BE), do mesmo modo, pela luta e intervenção do PCP será possível conseguir novos avanços na melhoria das condições de vida do povo português e no desenvolvimento soberano do País”.

 

Este Programa de Estabilidade será debatido no Parlamento portugués este 24 de abril, aumentando con seguridade as diverxencias entre as forzas políticas que apoian o governo de António Costa. O PSD aproveitou a oportunidade esixindo introducir reformas que lle daban un contido máis regresivo. Aínda que hai comentaristas da órbita deste partido da dereita, que coidan que o texto aprobado en Consello de Ministros polo PS sería o programa que a eles lles gustaría aplicar. Para alén do debate estes días no Parlamento, o Programa de Estabilidade estará presente con maior forza en novembro, cando se discuta o orzamento do vindeiro ano, e se concreten as partidas. 

 

O acontecido amosa que as políticas que desenvolve o actual governo están suxeitas a unha disputa constante, tanto coa dereita, como cos seus aliados que, lembremos, non forman parte do Governo. A confrontación con estes últimos dependerá en todo momento das medidas que tome o Partido Socialista, e especialmente das iniciativas das forzas de esquerda, e do grao de apoio social que consigan. E neste aspecto, para avanzar nos contidos sociais será fundamental, como veñen facendo a CXTP e máis o PCP, a mobilización, organización, debate das ideas e iniciativa. Só deste xeito conseguirase a complicidade das clases populares, e unha correlación de forzas favorábel para acadar unha distribución máis xusta do traballo e da riqueza.

 

https://obloguedemera.wordpress.com/
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/manuel-mera/portugal-governo-disputa/20180423205653068163.html


© 2019 Sermos Galiza