Imprimir

Povisa marca como obxectivo reducir as actuacións en pacientes do Sergas “que non achegen valor engadido”

Redacción | 09 de xullo de 2019

Denúnciao a CIG, que reclama unha “investigación inmediata e transparente” sobre este hospital de referencia para miles de vigueses e viguesas. A empresa quer "liberar recursos" para prestar unha mellor atención aos "pacientes privados". 

Povisa, hospital privado, mais no que teñen asignada a súa asistencia sanitaria pública miles de cidadás de Vigo, ten entre os seus obxectivos marcados para este ano, 2019, “reducir todas as actuacións (consultas, probas, intervencións...) en pacientes derivadas do Sergas que non acheguen ningún valor engadido”. Desvélao a CIG, que tivo acceso aos obxectivos de Povisa. Unha redución nas actuacións cos pacientes derivados da sanidade pública que a propia empresa engade que vai permitir “liberar recursos” para “mellorar cada vez máis o noso tempo de resposta a pacientes privados”.

O sindicato reclama unha “investigación inmediata e transparente” por parte das autoridades sanitarias, pois entende que os obxectivos da empresa van contra o dereito a unha asistencia sanitaria de calidade en condicións de igualdade e equidade para o conxunto da cidadanía galega”.

Acusa a dirección de Povisa de estar intentando “mudar os criterios científicos nos que se basean as indicacións de consultas, probas ou intervencións, para así reducir o número delas e favorecer a consecución do segundo obxectivo: incrementar a actividade privada e obter máis beneficios, iso si, a costa dos cartos que todas e todos pagamos cos nosos impostos para financiar a sanidade pública”.

Unha decisión, afirman, que entra no campo da “mercantilización da enfermidade”, advertindo que poden ter consecuencias “de difícil reparación”.

O maior hospital privado do Estado, cun plantel de 1.400 traballadores e traballadoras e case 140.000 persoas que teñen este centro como hospital de referencia, anunciaba en setembro do ano pasado a súa entrada en preconcurso de acredores, achacando ao 'deficitario' convenio co Sergas a situación. A dirección cifraba as perdas acumuladas en 42 millóns de euros, por un convenio co Sergas lesivo para os seus intereses.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/povisa-proponse-reducir-actuacions-pacientes-derivados-do-sergas-non-achegen-valor-engadido/20190709102503081677.html


© 2019 Sermos Galiza