Imprimir

O PP carga contra o Festival de Poesía do Condado por “apoloxía do independentismo”

Redacción | 13 de xuño de 2019

Imaxe dun pasado Festival de Poesía do Condado. Foto: cedida.
Imaxe dun pasado Festival de Poesía do Condado. Foto: cedida.

O Partido Popular de Pontevedra decidiu cargar contra un dos máis emblemáticos e celebrados festivais poético musicais de Galiza, o da Poesía do Condado. E faino cunha pregunta na Deputación de Pontevedra en que acusa o certame de “presunta apoloxía do independentismo”.

O Festival de Poesía do Condado celebrará o 31 de agosto a súa edición número 33, dedicada este ano ao internacionalismo. O PP pontevedrés, porén, censura que a Deputación colabore cun encontro “en que se fai presunta apoloxía do independentismo”. O ente provincial mantén unha relación de vello co festival, tamén nas etapas que o presidiu o PP.

Pero é que entre as institucións que apoian a veterana iniciativa, pola que pasaron ducias de poetas de todas as xeracións -de Manuel Rivas a María Xosé Queizán, de María do Cebreiro a Ismael Ramos, de Manuel María a Méndez Ferrín, de Ana Romaní a Marta Dacosta-, atópase tamén o Concello de Salvaterra de Miño -localidade onde ten sede o festexo-, gobernado polo Partido Popular.

A Sociedade Cultural e Deportiva do Condado xa denunciou nas redes sociais a “criminalización político xornalística xudicial” e anunciou a emisión dun comunicado de resposta.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/pp-carga-festival-poesia-do-condado-apoloxia-do-independentismo/20190613170458080779.html


© 2019 Sermos Galiza