Imprimir

O PP négase a que os ecoloxistas participen no trámite da Lei de Patrimonio Natural

Redacción | 11 de xullo de 2019

O deputado de En Marea Antón Sánchez. Foto: grupo parlamentario de En Marea.
O deputado de En Marea Antón Sánchez. Foto: grupo parlamentario de En Marea.

O Partido Popular pretende debater rápido e con pouco ruído a tramitación da nova Lei de Patrimonio Natural impulsada pola Xunta. Denúnciao o deputado Antón Sánchez, de En Marea, para quen a dereita “quere furtar o debate”. Ademais de acelerar os prazos, o PP tampouco quere escoitar en ponencia os colectivos ecoloxistas.

O texto da norma entrou no Parlamento de Galiza o pasado 25 de xuño. Elaborado para a Consellaría de Medio Ambiente por unha empresa privada, nese proceso desbotaron a maioría do case milleiro de alegacións achegadas polo movemento ecoloxista. O resultado preocupa a ambientalistas e a oposición. O grupo parlamentario de En Marea presentou unha emenda á totalidade e cada unha das daquela forzas da oposición, máis de cen parciais.

“O PP toma a chufla as políticas ambientais, despreza o Parlamento e a cidadanía”, criticou esta quinta feira Antón Sánchez nunha comparecencia de prensa centrada no trámite da norma. Segundo expuxo, o partido que sostén o Goberno de Feixoo quere aprobar a lei nun pleno extraordinario neste mes de xullo. E non quere darlle a palabra á sociedade civil organizada.

“Por puro interese partidista e electoral pretende pechar a ponencia a vindeira segunda feira para pasar o rolete e aprobala antes de final de mes”, sinalou Sánchez. O proxecto de lei inclúe varios puntos polémicos e discutidos. Por caso, certas ambigüidades na redacción dos artigos referidos ao conflito entre plans urbanísticos e plans de protección medioambiental que, ao ver de oposición e ecoloxistas, abren á porta á discrecionalidade de concellos e Xunta.

Outro elemento novidoso e insólito é o estabelecemento dunha superficie mínima de 10.000 hectáreas para declarar un espazo parque natural. Con este requisito, só un -o de Baixa Limia e Serra do Xurés- dos existentes hoxe na Galiza obtería a distinción.

Antón Sánchez cre que o apuro do PP por sacar adiante a lei “súmase a dez anos de desleixo absoluto das políticas ambientais do Goberno de Feixoo, durante os que se recortaron os orzamentos das mesmas un 70%”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/pp-negase-ecoloxistas-participen-tramite-da-lei-patrimonio-natural/20190711164135081794.html


© 2019 Sermos Galiza