Imprimir

O PP vota contra o galego como vehicular no ensino

Redacción | 11 de Xuño de 2019

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza Olalla Rodil. Foto: BNG.
A deputada do BNG no Parlamento de Galiza Olalla Rodil. Foto: BNG.

O debate dunha proposición de lei do BNG para que o galego se convertese en “lingua vehicular no ensino” derivou nunha emenda á totalidade da política lingüística dos sucesivos gobernos de Núñez Feixoo. O seu partido, o PP, tumbou a iniciativa dos nacionalistas, que partía da reforma da Lei de Normalización Lingüística de 1983.

“É unha obriga dos poderes públicos galegos  garantir o uso da lingua galega en todos os planos da vida pública”, expuxo en defensa da proposta a deputada do Bloque Olalla Rodil, “e os datos contatan que lonxe de avanzar, unha parte cada vez maior das galegas e galegos sente unha gran presión para abandonar o uso do galego”.

Rodil apoiou a súa intervención en datos: a Real Academia Galega pronunciouse nese sentido e o Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2013 sinalou que, por primeira vez desde a existencia de rexistros, a lingua inicial maioritaria é o castelán. “A inicios dos 90, o galego representaba a lingua inicial ou materna do 62% da poboación maior de 15 anos”, dixo, “hoxe representa o 40%”.

Este é o contexto en que o Partido Popular levou adiante, sempre en solitario e con ampla oposición social e partidaria, políticas que provocaron o retroceso do galego na escola ou na función pública. Foi a primeira que algo así sucedía desde a restauración democrática. “Só o 8,5% das escolas infantís nas cidades imparten aulas maioritariamente en galego fronte ao 72% que o fan en todos os casos ou na súa maioría en castelán”, engadiu a parlamentaria nacionalista.

Contra as evidencias empíricas, o PP negou a maior. Para o deputado César Fernández, a oposición “repite esta mentira unha e outra vez para que sexa verdade e pinta unha sociedade galega que non cre ninguén”. Non ofreceu probas que contradicisen as consideracións e as cifras da Academia ou do IGE.

Así as cousas, a dereita votou en contra da proposición de lei do BNG que pretendía incluír na Lei de Normalización a garantía “dun terzo do horario lectivo semanal en galego no ensino infantil naqueles contextos en que a lingua predominante sexa o castelán e que esta porcentaxe vaia incrementando de maneira progresiva”. Ademais, solicitaba “unha oferta estábel de cursos de formación en lingua galega para atender ás necesidades do alumnado e profesorado unievrsitario foráneo co obxectivo de garantir o dereito a recibir aulas en galego no ensino superior”.

En Marea e PSdeG si apoiaron a iniciativa do Bloque.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/pp-vota-galego-vehicular-ensino/20190611162228080675.html


© 2019 Sermos Galiza