Imprimir

Primarias na Arxentina: o progresismo non estaba liquidado

Manuel Mera | 27 de agosto de 2019

Macri
Macri
O cómodo triunfo do tándem formado por Alberto Fernández e Cristina Fernández nas PASO –quince puntos sobre Macri‑Pichetto– fai prever unha vitoria nas presidenciais de outubro, o que traería importantes consecuencias para a esquerda latinoamericana, con México e eventualmente Arxentina, terceira e segunda economías do subcontinente, á cabeza. Eis un extracto da análise, publicada no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_5_InternacionalQue a coalición do peronismo e outras forzas triunfase nas eleccións das PASO (Primarias, Abertas, Simultáneas, Obrigatorias) que se realizaron o pasado 11 de agosto era o que predicían a maioría das enquisas, mais cunha diferenza duns cinco puntos como máximo. Daquela que os resultados fosen demoledores para o partido de Mauricio Macri e aliados. Máxime cando todo facía pensar que a Presidencia non se ía decidir nas eleccións do 28 de outubro, senón por “balotage” en segunda volta o 24 de novembro.

Polo tanto, anticipouse no tempo a repercusión nacional e rexional dun triunfo do tándem Alberto Fernández/Cristina Fernández (como presidente e vicepresidenta respectivamente), xa que a Frente para Todos (FpT) acadou o 47,36% dos votos. Pola súa banda, a de Macri/ Pichetto, baixo as siglas Juntos por el Cambio (JxC), obtivo o 32,24%, 15 puntos menos.

A diferenza é moi grande, e se a foto permanecese fixa non se podería modificar aínda que o oficialismo conseguise o apoio de Consenso Federal de Lavagna, xa que só acadou o 8,34% dos votos, e se sumasen outras forzas menores da dereita. Téñase en consideración que Del Caño obtivo o 2,86% de apoios como cabeza de lista da FIT (Frente de Izquierda y de los Trabajadores), o que compensaría calquera acordo contra a FpT. Ademais, en principio, Lavagna manifestou que manterá a súa candidatura para as eleccións en outubro.

Outro aspecto a valorar é a alta participación, comparada con procesos anteriores, restando capacidade para que se dean grandes cambios na votación. Mais, sería un erro pensar que a vitoria do Frente para Todos xa está garantida, mesmo que hoxe existan moitas máis posibilidades que antes das PASO. Presión mediática Até as eleccións faltan máis de dous meses, e durante todo este tempo e dende o primeiro día todos os mecanismos do poder económico e do Goberno, así como os grandes medios de comunicación, tanto nacionais como foráneos, farán o imposíbel por mudar a vontade popular.

Teñamos en consideración que vivimos nun contexto internacional moi dinámico, de conxuntura, e que xa se está a utilizar como elemento de presión a Bolsa e o valor do dólar, a divulgación de falsas noticias, e tampouco se pode obviar unha inxerencia maior do poder xudicial. En fin, non se debe menosprezar a capacidade do imperialismo e seus aliados nacionais para cambiar os resultados en días. Aínda que a diferenza era moito máis cativa nas eleccións de 2015, só dous puntos, Macri xa deu volta aos resultados grazas aos apoios sistémicos, para alén dos erros do Kirchnerismo. O que amosa até que punto a democracia está condicionada.

Malia que nun primeiro momento a resposta de Macri foi altiva, mesmo agresiva co electorado, nos días seguintes mudou de estratexia, tomando algunhas medidas para reducir os efectos sobre o consumo da caída da moeda nacional, o peso. Tamén eliminou o IVE a 15 produtos básicos e reduciu os impostos de monotributo e ganancias, e vendeu dólares para frear a súa suba. Mais, neste aspecto, o ex titular do Banco Central, Martín Redrado, “considerou que o aumento no prezo do dólar, que chegou a tocar os 66 pesos no frenético inicio da semana post PASO, respondeu a unha instrución política para deixar subir o tipo de cambio” (xornal Página12).

[Podes ler a información íntegra no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/primarias-arxentina-progresismo-non-estaba-liquidado/20190821173319083284.html


© 2019 Sermos Galiza