Imprimir

O primeiro tomo da gran biografía de Castelao, nas librarías

Redacción | 23 de abril de 2019

Miguel Anxo Seixas. Foto: Ovidio Aldegunde.
Miguel Anxo Seixas. Foto: Ovidio Aldegunde.

Mil trescentas páxinas emprega o historiador Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) en narrar os feitos de vida e obra de Castelao entre 1886 e 1930. O primeiro tomo da súa gran biografía sobre o rianxeiro, titulada Castelao. Construtor da nación, xa está nas librarías da man de Galaxia e o Consorcio de Santiago.
 

Castelao construtor da nacion tomo I - cuberta

“Este traballo é o compendio de investigación e recollida de datos e documentación”, sinala a editorial nun comunicado. Esta primeira parte abranxe “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”.

 

Inzada de material gráfico e pictórico, abondosas pezas inéditas até agora en mans privadas e case descoñecidas, serven para “completar un puzzle que ninguén chegara a rematar antes”. Seixas, que publicara antes ensaios como Castelao, pintor (Galaxia, 2006) ou a colectiva Para ler a Castelao I e II (Galaxia, 2000), baseou Castelao. Construtor da nación na súa tese de doutoramento, presentada en 2017.

 

“Seixas deita no papel toda a súa paixón pola busca do pormenor significativo, o seu rigor na comprobación e descuberta de aspectos ignorados ou esquecidos e o gusto por rexistrar os pasos e a obra de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega no século XX”, indica Galaxia.

 

Nesta entrevista publicada en Sermos Galiza, o autor da “monumental biografía, concibida case como un diario da vida cotiá de Castelao, explica os detalles do seu traballo.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/primeiro-tomo-da-gran-biografia-castelao-nas-librarias/20190423110450078470.html


© 2019 Sermos Galiza