Imprimir

A profesionalización afástase na literatura galega

Redacción | 06 de outubro de 2014

Delegación da AELG
Delegación da AELG

A diferencia das situacións das literaturas galega, vasca e catalá quedou á vista no encontro Galeusca que se desenvolveu esta fin de semana en Barcelona. No caso galego, a profesionalización da escrita albíscase cada vez máis difícil. 

“A distancia, en especial, con respecto ao caso catalán é grande polo que atopar puntos de conexión é difícil”, sinala o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega á volta da xuntanza anual do Galeusca que desta volta se desenvolveu en Barcelona co tema da profesionalización como central dos debates. 

No caso galego, Cesáreo Sánchez destacou das xuntanzas, nas que tamén participou a secretaria da asociación Mercedes Queixas xunto con Suso de Toro e Ledicia Costas, valorouse que a profesionalización é cada vez máis difícil no ámbito da literatura galega. “Os bos froitos da situación actual da literatura no nivel creativo ´-á altura de calquera literatura Europea- son resultado de vinte ou trinta anos dun proceso que se foi conseguindo mais que agora se está a derrubar. A consecuencia do retroceso da lingua galega no ensino conlevará unha perda de lectores que afectará tamén na produción literaria e editorial”, sinala o presidente da AELG. Comparte tamén a aclaración da avogada e escritora Ledicia Costas que defendeu que o concepto de profesional non está, no noso caso, vinculado a vivir da escrita, o que practicamente non é posíbel, senón á propia consideración e dedicación profesional á literatura. 

“En vinte anos haberá menos escritores, menos lectores e, polo tanto, menos posibilidades de profesionalización. Esta situación nosa contrasta cos avances en Euskadi e Catalunya”, destaca Cesáreo Sánchez Iglesias. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/profesionalidade-alonxase-na-literatura-galega/20141006153139031183.html


© 2019 Sermos Galiza