Imprimir

Protesta contra a xestión polo Banco Santander da tarxeta universitaria

Redacción | 10 de setembro de 2019

Imaxe: Anega
Imaxe: Anega

Anega e Candidatura Unitaria Estudantil lembran, contra o que dá a entender a entidade financeira, que non hai que abrir unha conta para ter a tarxeta das universidades galegas.

Estudantes adscritos ao sindicato estudantil Anega (Asemblea Nacional das Estudantes Galegas) e á Candidatura Unitaria Estudantil (a organización de estudantes maioritaria do claustro da USC) protestaron ante as instalacións do Banco Santander na Universidade de Compostela denunciando que a xestión pola entidade financeira da expedición das tarxetas universitarias sírvelles para instar os estudantes a abrir contas bancarias, “supostamente necesarias para empregar as funcións de dita tarxeta”.

Porén, manteñen desde estas organizacións, “todos os usos da TUI (USC), TIU (UDC) ou Carné Universitario (Uvigo), tales coma préstamos de biblioteca ou acceso a instalacións deportivas, poden empregarse sen necesidade de abrir conta algunha”.

Dende Anega consideran que este “engano” é un exemplo visíbel da” mercantilización da universidade pública en favor dos intereses de empresas coma o Banco Santander”. Critican que a banca teña “vía libre” na universidade mentres o estudantado ten que facer fronte a unha “constante precarización das súas condicións de vida (pisos de aluguer en malas condicións, empregos paralelos, bolsas con requisitos abusivos que chegan tarde...)”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/protesta-xestion-polo-banco-santander-da-tarxeta-universitaria/20190910155948083908.html


© 2019 Sermos Galiza