Imprimir

Protocolo de boa educación e sentido común

María Pilar García Negro | Profesora da UDC e escritora

Sermos Galiza | 11 de agosto de 2019

Imos propor nestas liñas a activación dun protocolo da boa educación, do sentido común e, aínda –palabras maiores–, do sentido da historia. Lemos non hai moito a nova que informaba dunha aplicación para telemóbeis que alertará da presenza e transporte dun-ha infante nun auto. A finalidade: remediar a desmemoria do pai, nai, tutor ou adulto que esquece que levan un neno ou nena no coche e prevén así que o desafortunado pequeno morra deshidratado, como xa aconteceu máis dunha vez. Cumprirá tamén programar un protocolo para pais-nais en particular, e adultos en xeral, consistente en lembrar obrigas mínimas debidas á súa idade ou haberá que inventar unha aplicación que informe do que é a infancia e dos coidados que precisa? Que protocolo será preciso para evitar a dor de cabeza derivada do falar a berros en millenta locais públicos ou facernos pertícipes aos circunstantes de conversas telefónicas que nada nos importan? Engadimos tamén algún protocolo para non responder como merecen reaccións foscas ou iradas de quen se molesta, estúpida ou colonizadamente, polo noso uso do galego? O anecdotario podiámolo alongar cunha casuística ben nutrida. Deixémolo aquí.

A omisión da historia, o seu esquecemento, a amnesia como táctica de non sei que estratexia son, como dixen, palabras maiores. Cadra perfeitamente co momento do capitalismo que vivemos e que padecemos. Borrado de povos, de sociedades distintivas, de identidades nacionais, de clases sociais: eis as credenciais da globalización. Teño dito e escrito moitas veces que o actual non é sinónimo de moderno; é simplesmente o que acontece hogano, e supoño que a esta altura ninguén acreditará no sentido lineal e progresivo da historia. Particularmente nociva é esta amnesia para o nacionalismo galego. Nestas mesmas páxinas, en artigo recente, Guillerme Vázquez chamaba pola necesidade de o BNG escreber a súa propria historia, sen agardar ou sen asumir que o fagan outros. Concordo plenamente. Mais, para tal facer, cumprirá, primeiro, coñecela e acreditar en que ela existe, autónoma e digna, con todas as súas virtudes, erros, defeitos, limitacións e o que se quixer. Por que esa insistencia en vender (termo delator: pura mercadotecnia) como bon o novo? “Novo” a respeito de que? O que eu observo, en moitas ocasións, é que a “novidade” é simplesmente copia do que outros fabrican (nomeadamente, a factoría española ou norteamericana). A cousa chega ás veces a extremos cómicos. “O persoal é político!”, lemos como “novidade”, sen citar, por suposto, Kate Millet, a autora de tal aserto; “a revolución ou é con danza ou non o é!” (Emma Goldman)…

Polo que a nós, galegas e galegos de hoxe, atinxe: terá algo “novo” a nos dicer Rosalía de Castro? Castelao será “novo” ou “vello”? Será cousa de lembrar o que este último escrebeu en prosa maxistral: “Dous vellos que tamén tiveron mocidade” ou o que, en carta a Santiago Pol (Ramón Piñeiro), denunciaba: agora os mozos vanlles aprender aos pais a faceren fillos? O nacionalismo galego do século XXI acumula xa, afortunadamente, décadas de existencia. Hai corenta anos, por poñermos só un exemplo, as mozas e os mozos nacionalistas de hoxe coñecen o que se loitou contra o “Decreto de Bilingüísmo”, fillo directo da Constitución española promulgada un ano antes? Vou facer agora propaganda enteiramente parcial, mais xustificada: a revista Terra e Tempo, editada pola fundación homónima, acaba de publicar o seu número 180, un monográfico dedicado ao asociacionismo cultural galego nos derradeiros quince anos do franquismo. Gasten os “novos” algo do seu tempo léndoo, ao igual que todos os números anteriores. Coñecerán, de certo, unha historia merecente de ser sabida, respeitada e valorada. As etapas históricas non son clónicas, ben o sei, non hai fotocopias, e cada momento ten as súas necesidades, as súas urxencias e as súas adversidades, mais o edificio común do nacionalismo galego non é de recente construción: ten estancias ben asentadas de moito tempo atrás. O “novo”, reitero, non é sinónimo de moderno, de progresivo ou de construtivo en avanzo nacional. É o actual. E o actual ha de se definir como adánico-infantil ou como debedor substantivo dunha historia que os “vellos” construíron.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/maria-pilar-garcia-negro/protocolo-boa-educacion-sentido-comun/20190810173604082990.html


© 2019 Sermos Galiza