Imprimir

O PSdeG cualifica o Sergas de “explotador, o Glovo ou o Deliveroo” da sanidade

Redacción | 12 de xuño de 2019

O deputado socialista Julio Torrado nun pleno parlamentario. Foto: cedida.
O deputado socialista Julio Torrado nun pleno parlamentario. Foto: cedida.

“Son varias as sentenzas do Tribunal Superior que testemuñan que o Sergas é un explotador”, afirmou no pleno parlamentario desta cuarta feira o deputado socialista Julio Torrado, quen comparou a dirección da sanidade pública galega con empresas como Glovo ou Deliveroo.

Estas empresas atópanse no centro da polémica polas súas prácticas laborais, no gume da legalidade segundo varios sindicatos. Torrado relacionou o Sergas con elas na exposición dunha iniciativa sobre a temporalidade no cadro de persoal do Sergas, rexeitada polo PP.

“Cantos cartos, cantas sentenzas vai custar a soberbia da Consellaría de Sanidade?”, preguntouse, antes de mencionar unha das condenas xudiciais ao Sergas que cualifica os seus contratos laborais de “fraudulentos”. A precariedade e a inestabilidade definen boa parte das relacións laborais do Sergas.

En Marea e BNG sumáronse á iniciativa do PSdeG, mentres o PP se escudou en que “a concatenación de contratos nos servizos de saúde non é un problema exclusivo de Galiza”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/psdeg-cualifica-sergas-explotador-glovo-deliveroo-da-sanidade/20190612173922080737.html


© 2019 Sermos Galiza